A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, participou no CIFP Ucha Piñeiro na presentación da segunda edición desta iniciativa
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou esta mañá no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Ucha Piñeiro, en Ferrol, a segunda edición da campaña Comercio con talento, unha iniciativa coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten como obxectivo impulsar tanto a innovación como o emprendemento no eido comercial entre os mozos e mozas galegas, con especial atención ao alumnado que recibe formación profesional específica sobre este sector.
Na campaña poden inscribirse todos os alumnos e alumnas dos 26 centros galegos que imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. Así, preto de 800 estudantes teñen a posibilidade de formar parte desta iniciativa. Na provincia da Coruña participan un total de 11 centros, dos cales dous pertencen á comarca de Ferrolterra: o CIFP Ucha Piñeiro, de Ferrol, e o IES Punta Candieira, de Cedeira. A Coruña é a provincia con maior número de centros participantes, xunto con Pontevedra, mentres que Ourense e Lugo conta con dous colexios cada unha.
A directora xeral de Comercio explicou aos alumnos e alumnas que o concurso celebrarase durante os meses de abril e maio. Esta iniciativa consiste en que os estudantes avaliarán o comercio da súa comarca para finalmente seleccionar un negocio. As tarefas de busca do local con talento realizaranse baixo a supervisión e control do centro educativo.
A continuación, os participantes terán que elaborar un proxecto sobre o comercio elixido, para o que deberán contar coa autorización do propio establecemento. Aínda que o concurso é individual, dous ou máis alumnos si poden escoller o mesmo comercio, repartíndose o premio entre eles de resultar o negocio gañador. Os proxectos teranse que enviarse antes do 15 de maio.
Un xurado especializado, formado por técnicos da Xunta e expertos en materia de comercio, será o encargado de escoller aos 14 comercios con máis talento de entre os propostos, ao tempo que fará unha preselección doutros 20 proxectos que se publicarán no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 15 premios sexa decidido polo número de gústames que reciba. Os alumnos autores dos 15 proxectos gañadores recibirán un iPad mini como premio.
O fallo do xurado está previsto que se emita durante a primeira semana de xuño e a lista cos alumnos gañadores publicarase a continuación na web do Portal do Comerciante e nas redes sociais que ten vinculadas (Facebook e Twitter).
A campaña Comercio con talento forma parte das iniciativas coas que se apoia ao sector comercial, un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de Impulso ao Comercio de Galicia. Neste contexto, no que vai de 2016 puxéronse en marcha programas de axudas por preto de 6 millóns de euros para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos, mellorar a imaxe e modernizar os negocios, fomentar o relevo comercial, revitalizar o comercio de proximidade ou conceder bolsas de formación.