Wednesday 11 de March de 2026

Bergondo conmemora o 8M baixo o lema ‘As mulleres que fomos, as que somos e as que virán’


· O Concello reivindica o fío invisble que une ás distintas xeracións de mulleres do municipio.
· A programación deste ano inclúe o certame de relatos ‘Bergondo en feminino’ e as xornadas gratuítas ‘Escolas de Saúde para a Muller’.

A campaña institucional do Concello de Bergondo con motivo do Día Internacional da Muller (8M) xira este ano en torno ao lema “As mulleres que fomos, as que somos e as que virán”. Con esta declaración de intencións, o goberno local busca visibilizar o fío invisible que conecta ás distintas xeracións.

A explicación deste lema aséntase sobre tres piares fundamentais. En primeiro lugar, “as mulleres que fomos” é un tributo ás avoas e pioneiras —como a recentemente homenaxeada Filomena Dato— que, co seu esforzo, resiliencia e traballo a miúdo invisible, abriron camiño en épocas moito máis difíciles. En segundo lugar, “as que somos” celebra a forza, o talento e a pluralidade das mulleres bergondesas na actualidade, que sosteñen a sociedade e seguen conquistando espazos. Por último, “as que virán” representa o compromiso inquebrantable de deixar un municipio e un mundo máis xusto, libre e igualitario para as nenas e mozas do futuro.

Para materializar esta reivindicación, o Concello organizou diversas actividades enmarcadas na programación do 8M, destacando dous grandes bloques centrados na expresión literaria e no coidado integral.

Por unha banda, convocouse o certame de relatos ‘Bergondo en feminino’, unha iniciativa deseñada para dar voz ás historias, vivencias e perspectivas das mulleres. Este concurso busca fomentar a creatividade literaria ao mesmo tempo que se constrúe un relato colectivo sobre a realidade feminina, convidando á veciñanza para plasmar en palabras as súas reflexións e experiencias.

Doutra banda, a programación pon un foco especial no benestar físico e emocional coa actividade ‘Escolas de Saúde para a Muller’. Este ciclo de charlas gratuítas ten como obxectivo fomentar a educación sanitaria no municipio.

A actividade constará de dúas sesións formativas que terán lugar na Biblioteca A Senra os días 12 de marzo e 21 de abril ás 19:00 horas. Impartidas pola farmacéutica Alejandra Fontán Otero, as xornadas abordarán os problemas de saúde desde unha perspectiva de xénero e sexo, tratando temas específicos como a menopausa, o risco cardiovascular nas mulleres, a osteoporose e o impacto da dor crónica e a hemicrania.

Deja un comentario