Saturday 16 de November de 2024

A Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia celebrará a súa segunda edición o 11 de xuño


OS OITO PRIMEIROS CLASIFICADOS DA CATEGORÍA ABSOLUTA RECIBIRÁN PREMIOS EN METÁLICO

Tras o éxito acadado na súa primeira convocatoria, na que participaron un total de 197 deportistas, a Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia celebrará o día 11 de xuño a súa segunda edición. De novo será no marco desta feira multisectorial que da nome á proba, a cal terá lugar do 9 ao 12 de xuño.

Esta II Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia contará con dous categorías, Escolar, que inclúe Pitufos, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete e Xuvenil; e Absoluta, na que se contemplan as subcategorías Junior, Promesa, Senior, Veterano A, Veterano B, Veterano C e Veterano D. Todas elas, con distintos horarios de saída e con distancias que van entre os 150 metros e os 10.000 metros, terán como punto de partida o paseo central do recinto feiral.

En canto aos premios, todos os participantes recibirán medalla e outros regalos. Ademais, en Pitufos entregaráselles a todos un diploma, e a os tres primeiros clasificados nas restantes categorías, tanto de Escolar como de Absoluta, un trofeo. Así mesmo, en categoría Absoluta repartiranse 1.600€ en metálico, recibindo, tanto na sección masculina como na feminina, 300€ o primeiro clasificado, 150€ o segundo, 100€ o terceiro e 50€ do cuarto ao oitavo posto.

Ademais, recoñecerase coa entrega dun trofeo ao atleta máis veterano da carreira e ao atleta local mellor clasificado.

Organizada pola Fundación Semana Verde de Galicia e a Federación Galega de Atletismo e patrocinada por Abanca, esta proba celebra a súa segunda edición co obxectivo de dar continuidade a unha cita orientada tanto a todos os afeccionados ao atletismo como a deportistas de todas as idades que queiran desfrutar desta disciplina ao aire libre. A carreira contará nesta nova convocatoria cun vídeo promocional para animar á participación.

Inscricións, a partir do 2 de maio

Os participantes, que poden ser atletas federados ou non, deben inscribirse dende o vindeiro luns, 2 de maio, ata o 9 de xuño ás 20:00 horas na web www.carreirasgalegas.com. O custe da inscrición é de 6€ para a categoría Absoluta e gratuíta para a Escolar.