Wednesday 11 de March de 2026

O Concello de Neda impulsa este xoves unha charla sobre saúde hormonal feminina


O Concello de Neda organiza este xoves, 12 de marzo, no marco da programación especial con motivo do Día Internacional da Muller, a charla coloquio “A muller nas diferentes estapas da vida. Benditas hormonas”. A proposta, impartida pola matrona do centro de saúde de Neda, terá lugar na Casa das palmeiras.

Apunta Natalia Pérez, profesional que estará á fronte da iniciativa, que durante a sesión, que estará aberta a veciñas de todas as idades, falarase da influencia das hormonas e de como convertelas en aliadas nas distintas etapas vitais.

Así, explicarase o papel fundamental que desempeñan esas mensaxeiras químicas do corpo, influíndo en diversos aspectos físicos, emocionais e reprodutivos ao longo da vida feminina. As flutuacións marcan procesos clave que cómpre comprender. A muller vive cambios hormonais na pubertade, cando comezan os seus ciclos fértiles, no embarazo, na menopausa… e buscar o equilibrio en cada etapa será esencial para o benestar.

A charla informativa, incluída na oferta especial deseñada con motivo do Día internacional da muller, terá lugar a partir das 19:00 horas e será de acceso libre.

Deja un comentario