O programa desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, con actividades gratuítas para nenos e nenas de 4 a 12 anos. As inscricións poderán realizarse do 16 ao 24 de marzo, nas conserxarías dos centros cívicos correspondentes
O Concello da Coruña abrirá o vindeiro luns, 16 de marzo, o prazo de inscrición para unha nova edición do Recuncho do Xogo, o programa municipal que lles ofrece ás familias unha alternativa lúdica e educativa durante as vacacións escolares de Semana Santa. A iniciativa desenvolverase os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, e está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición. En continuidade coa liña xa impulsada en edicións anteriores, o programa reforza os recursos municipais de apoio á conciliación en períodos non lectivos.
Baixo o fío temático “Alguén roubou as cores do mundo”, o Recuncho do Xogo propón tres xornadas de convivencia, creatividade e aprendizaxe compartida nas que a cativada participará en retos cooperativos, obradoiros creativos, xogos interculturais e dinámicas simbólicas para recuperar as cores e devolverlle a vida ao mundo. Trátase dunha programación pensada para promover a imaxinación, o xogo en grupo e a participación nun contorno seguro e adaptado ás distintas idades.
As inscricións formalizaranse nas conserxarías dos centros cívicos correspondentes, do 16 ao 24 de marzo. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición. Só se admitirá unha solicitude por menor e será necesario contar cun número mínimo de participantes para poder conformar grupo, tanto no horario xeral como no ampliado. Nos centros con horario ampliado, as familias poderán escoller entre ambas as modalidades.
O programa desenvolverase en horario xeral de 10.00 a 14.00 h, agás no Centro Cívico Castro de Elviña, onde será de 11.00 a 13.00 h, e no Centro Cívico do Birloque, con horario de 11.00 a 14.00 h. Ademais, haberá horario ampliado de 9.00 a 14.30 h en diversos centros da rede municipal, o que permitirá ofrecer unha resposta máis ampla ás necesidades de conciliación das familias coruñesas durante estes días. O Concello reserva tamén unha praza por centro en determinados espazos para menores con necesidades educativas especiais ou con discapacidade. Nestes casos, deberá indicarse esta circunstancia no momento da inscrición e cubrirse unha ficha de coñecemento persoal no centro onde se vaia desenvolver a actividade.
Con esta nova edición do Recuncho do Xogo, o Goberno de Inés Rey reforza a súa aposta por ofrecer recursos públicos útiles, accesibles e de proximidade para as familias, ao tempo que promove espazos de lecer educativo e inclusivo para a cativada en todos os barrios da cidade.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.