Tuesday 10 de March de 2026

O BNG pide explicacións á Xunta pola paralización das obras da AC-305 en Palmeira


O BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego para solicitar explicacións á Xunta de Galiza sobre a paralización das obras de humanización da estrada AC-305 ao seu paso pola parroquia de Palmeira, no concello de Ribeira. A actuación iniciada en marzo de 2025 pola Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, cun investimento de arredor de 3 millóns de euros e realizada en colaboración coa Fundación RIA, leva un tempo paralizada sen que se coñezan os motivos reais, algo que ocasiona molestias e malestar na veciñanza que se despraza pola parroquia ou vai a Ribeira e á Pobra do Caramiñal.

Segundo o proxecto a transformación desta travesía urbana, mediante a ampliación das beirarrúas, creación de novas zonas verdes, renovación de servizos e a mellora da seguridade viaria ao longo dun tramo de máis dun quilómetro, debería finalizar antes do verán de 2026. Porén un ano despois do inicio das obras, a actuación atópase paralizada por existir “un problema puntual”, segundo declaracións da propia Consellaría aos medios de comunicación.

A deputada do BNG Rosana Pérez, que presenta a iniciativa, considera necesario que a Xunta dea explicacións claras sobre esta situación. “Estamos a falar dunha actuación importante para a parroquia de Palmeira e para a mobilidade entre Ribeira e A Pobra do Caramiñal, polo que resulta imprescindible coñecer cales son os motivos reais da paralización das obras e se esta circunstancia vai afectar ao prazo previsto para a súa finalización”, sinalou.

Pérez subliña que se debe procurar que esta intervención garantice unha mellora significativa do espazo público e da seguridade viaria e vaia na liña “dun modelo de vila centrada nas persoas, máis accesible e con máis zonas verdes”.

Malestar veciñal polas molestias

Veciñas e veciños de Palmeira, así como persoas que empregan esta estrada, puxéronse en contacto coa concelleira Veva Betanzos e o portavoz do BNG Luís Pérez Barral para queixarse pola paralización dos traballos que están a provocar malestar xa que durante meses as obras implicaron a redución da circulación a un único carril regulado por semáforos e, malia que os traballos están parados, as restricións de tráfico seguen aplicándose.

Neste sentido, o portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral, advertiu de que “a situación actual está a xerar un importante malestar entre a veciñanza e entre as persoas que utilizan diariamente esta vía, algo que é comprensible e por iso deben continuar as obras e finalizalas en tempo e forma”.

Barral reclamou á Xunta que actúe con responsabilidade e desbloquee a situación. “A Consellaría non pode limitarse a falar dun ‘problema puntual’ sen dar explicacións. Ten que aclarar que está a pasar, resolver os problemas existentes e axilizar o desenvolvemento das obras para minimizar as molestias á veciñanza”, afirmou.

O exalcalde tamén insistiu en que “é fundamental que a Xunta garanta que esta actuación, tan necesaria para Palmeira, se complete no prazo previsto e non se converta nunha obra eternizada”.

Coa iniciativa presentada no Parlamento, o BNG busca que a Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas explique os motivos da paralización das obras e aclare se esta situación pode afectar ao calendario previsto para o seu remate antes do verán de 2026.

Deja un comentario