A Feira da Plantación deste 2016 volveu mostrar que goza de boa saúde e que vai a máis tanto en visitantes como no volume de negocio que se fai nela. É case imposible ofrecer datos exactos dunha e outra cousa pero si facer unha aproximación. O departamento de Desenvolvemento local indicou que se superaron amplamente as 5.000 persoas e que, no caso das vendas, se produciu un trafego constante durante toda a xornada, principalmente en planta, pés para morteiros e produtos frescos. O tempo foi un aliado importante para o éxito dun evento que, en palabras do titular da área, Manolo Varela, “está máis que consolidado”.
A diferenza doutros anos, neste o público empezou a chegar de forma masiva sobre as 11 da mañá. En anteriores edicións a xente achegábase á feira en dúas veces: a primeira hora quen máis madrugaban para buscar cebolo e outras plantas e, cara ao mediodía, familias enteiras á procura de planta ornamental, duns churros ou de dar unha volta antes do aperitivo dominical. Desta vez non se notou tanto a diferenza de públicos e a cousa foi in crescendo ata practicamente as 14.00h., momento no que estaba programado o primeiro sorteo con lotes de produtos doados polos expositores.
A mañá é sempre a do movemento. O de xente constatouse vendo como estaba o aparcadoiro, os atascos puntuais que houbo na avenida Marqués de Figueroa e nas 15.000 plantas que o Concello repartiu como agasallo entre o público asistente. O outro movemento, o económico, constatábano o “non parar” en moitos postos e o continuo ir e vir de xente aos coches para gardar flores, árbores, repolo, cebolo, planta de pemento, tomateiras, leituga e todo o imaxinable para espetar na terra.
Malia que na feira tamén houbo artesanía en cantidade, o que triunfou foi o verde xunto coa alimentación. Houbo postos que traían froitos frescos -cenorias, chícharos, laranxas…- que mesmo quedaron sen xénero a metade da xornada. Algo que case lles ocorre tamén aos nenos e nenas do colexio público que vendían todo tipo de artesanía miúda para financiar as obras musicais que están preparando este ano dentro do proxecto LÓVA.
Sobre o resultado da Feira da Plantación deste ano, o responsable de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, mostraba a súa satisfacción polo éxito dun evento monográfico “organizado no momento xusto, na época adecuada” que, neste caso, vén precedida dun inverno longo. Unha circunstancia, a do tempo dos últimos meses, que -se cadra- axudou a animar o mercado agora que parece chegar por fin a primavera. “O que comentan os produtores é a mellor referencia (do éxito da feira) e algún dicíanos que ogallá houbese feiras destas pola comarca todos os meses”, asegurou o concelleiro.
Emoción a media mañá
A feira ofreceu outras actividades, como os sorteos e o obradoiro infantil da tarde. Incluso o Concello aproveitou para mostrar en que consiste o sistema de recollida do lixo de proximidade que funciona en varias zonas de Ferreira, Igrexafeita e Naraío.
Porén, un dos momentos máis destacados pola súa espectaculariedade e pola mensaxe que levaba implícita foi a actuación do grupo de baile de Brío. Ofreceron a súa montaxe “Refuxiadas: xente coma nós”, sobre o drama das mulleres, homes e nenos que foxen das guerras e da represión para bater, en moitos casos, coa incomprensión e a morte. A escenificación de Brío fixo enmudecer a feira durante uns minutos nos que o grupo invitou a reflexionar sobre un problema humano e humanitario que temos máis preto do que nos parece