Dez mulleres do voluntariado Europeo, Sénior e Xuvenil de Lousame compartiron as súas experiencias noutros países e chamaron a atención sobre o avance do machismo na mocidade
“Esta é a imaxe do Día da Muller en Lousame: once mulleres ocupando os postos dos once concelleiros do municipio. Xa houbo no seu día unha corporación na que todos eran homes, por que non pode haber unha composta integramente por mulleres. Pois aquí queda a foto do que podería chegar a ser”. Son palabras do alcalde de Lousame, Esteban Ares, dando a benvida ás 11 voluntarias que tomaron parte esta mañá da mesa redonda “A muller en Europa”, así como aos veciños e veciñas e concelleiros dos grupos municipais que encheron o salón de plenos.
“Hoxe imos facer unha mesa redonda que case ningún concello en Galicia pode facer. Non polas voluntarias que temos sénior e xuvenís, senón tamén porque somos un dos dous únicos municipios con voluntariado europeo e hoxe temos aquí representados a Armenia e Bulgaria, que aportarán un punto de vista diferente dende outro país e nos permitirán a todos sacar as nosas conclusións a través das súas vivencias”, explicou o alcalde lousamiá, antes de darlles a palabra ás mulleres participantes:
– Ogsanna Yeritsyan (Armenia) e Zhenya Yordanova (Bulgaria), como voluntarias europeas (toda vez que Anna Uvarova non puido participar por motivos de saúde)
– Lorena García, Nerea Carnota e Carolina Castro, como representante do voluntariado xuvenil de Lousame.
– Flora Batalla, Maribel González, Soledad Souto, María Luísa Pazos e Rosario Torrado, como integrantes do voluntariado Sénior.
– E Silvia Agrafojo, concelleira de Igualdade, quen interveu como tradutora de inglés para Ogsanna e Zhenya, quen prepararon as súas intervencións en español pero tiñan dificultades á hora de responder ás preguntas.
Tanto Ogsanna Yeritsyan como Zhenya Yordanova compartiron co auditorio os avances dos dereitos da muller nos seus países, se ben Ogsanna puntualizou que non había tantos programas de conciliación familiar como en Galicia e ambas coincidiron en lamentar que as autoridades xudiciais en moitas ocasións non reaccionan a tempo, especialmente diante de situacións de violencia de xénero, o que pon en dúbida a confianza da muller na Xustiza. Un sentimento que compartiron tanto as voluntarias sénior como as xuvenís, que fixeron fincapé na necesidade de protexer os dereitos da muller en tempo, especialmente no caso da violencia machista pero tamén noutros casos.
Trato cos maiores
Así, as voluntarias sénior compartiron as súas experiencias en Suíza e Alemaña nos anos setenta, salientando as grandes diferenzas existentes neses tempos entre Europa e España a nivel de recoñecemento da muller e do seu traballo. Así mesmo, salientaron que se atoparon cunha sociedade moito máis aberta e solidaria, algo que trasladaron a Lousame onde todas elas comparten o seu tempo cos maiores, tanto os do centro de día lousamiá como aqueles que viven sos nas súas casas. Tres delas forman parte Luísa Pazos, Soledad Souto e Maribel González, mesmo forman parte da directiva do Club de Xubilados de Lousame. No caso da mocidade, alertaron sobre o que consideran un incremento do machismo nos últimos anos, facendo un chamamento á educación en valores na casa, non so nos colexios, entendendo que en moitas ocasións os nenos e nenas non teñen un referente ao que seguir na casa, o que complica o labor dos centros educativos.
No caso das voluntarias xuvenís, Carolina Castro contou as súas experiencias tanto a través do voluntariado local como a través da asociación Amicos, con quen acaba de proclamarse subcampioa do Open de España de Remo Indoor, categoría Open Sprint Intelectual Feminino, e de obter a medalla de bronce na Categoría Feminina Absoluta ERGPR 1.000 no Campionato Nacional de Remoergómetro. Castro puxo en valor a importancia do voluntariado á hora de favorecer a integración das persoas e reivindicou a importancia do deporte feminino.
Finalmente, Nerea Carnota e Lorena García puxeron en valor o que supón o voluntariado, no sentido de que é colaborar nunha iniciativa que non che custa moito pero que ten unha repercusión social tan positiva que fai que a persoa volva a casa moi satisfeita pola colaboración realizada. Un punto no que coincidiron as voluntarias sénior, que reivindicaron o importante que é para os maiores que están sos que alguén os visite e os escoite.
Neste sentido, todas elas puxeron en valor iniciativas do Concello de Lousame como os obradoiros da memoria ou os encontros semanais que teñen lugar no local social de Cruído, onde as partidas de carta son memorable e das que Luísa Pazos presumiu de gañar máis dunha vez. Un bo humor que presidiu toda a sesión e que rematou cun gran aplauso conxunto para Xosé Manuel Outeiral, técnico de Voluntariado de Lousame. A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, e o alcalde Esteban Ares fixéronlles entrega dun obsequio pola súa participación na mesa redonda.
Lactación e exposición
A mañá deste sábado en Lousame completouse cunha sesión de máis de dúas horas do obradoiro de lactación materna, ofrecido por Alicia Conde e que cubriu amplamente as súas prazas. Así mesmo, alcalde e concelleira de Igualdade inauguraron a exposición “As Mulleres na Biblia”, cedida pola Fundación Museo de Artes de Ribeira e que poderá contemplarse na sala de exposicións municipal da Casa da Cultura.
Silvia Agrafojo salientou que “a mostra está composta por 30 calcografías dos séculos XVI e XVII de dous artistas flamencos, Jan Collaert e Karel van Mallery, que poderán desfrutar os veciños e veciñas de Lousame ata o vindeiro 7 de maio”. Ademais, trátase da primeira vez na que esta exposición se abre ao público no Barbanza, polo que tanto Ares como Agrafojo agradeceron a colaboración do Museo das Artes de Ribeira e do seu director Xoán Pastor Rodríguez, e recomendaron a súa visita á veciñanza.
A programación especial do Día da Muller rematará mañá domingo 8 de marzo coa posta en escena da obra “Todas temos a mesma historia”, unha peza inspirada en textos de Darío Fo e Franca Rame que, a través de tres momentos no tempo convida ao público a reflexionar sobre a realidade das mulleres ao longo de tres décadas pasadas e o mundo de hoxe en día. Será ás 19:00 horas no auditorio da Casa da Cultura. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.