O Concello de Neda abriu onte á tarde a programación especial do 8M. E fíxoo coa estrea da peza audiovisual “Abrindo camiños pola igualdade”. Trátase dunha breve viaxe no tempo, que pon o foco, dende a perspectiva da igualdade de xénero, nas pequenas grandes historias de cinco veciñas traballadoras.
A panadeira retirada Manuela Luaces; Pilar Alonso, antiga traballadora da fábrica de Xuvia; Mª Camen Bouza, unha das primeiras profesoras do CEIP San Isidro; Fernanda Cienfuegos, primeira doutora con consulta na vila; e Ángeles Casteleiro, unha das veteranas do Servizo de Axuda no Fogar comparten no vídeo anécdotas e vivencias profesionais e persoais, configurando, a partir de pequenas pinceladas, o retrato dunha época que, en moitos sentidos, é xa historia.
O rol definido para a muller a mediados do século XX, que fixo que moitas veciñas non tiveran a oportunidade de estudar; o papel avanzado ao seu tempo que tiñan as panadeiras da vila; a contribución fundamental da muller na industria téxtil da localidade, na que o liderado estaba reservado aos homes; o machismo no día a día, ou a persistencia na actualidade de sectores feminizados son algúns dos temas que se comentan no audiovisual.
Como apuntou a concelleira de Igualdade, Ángeles Puentes, “son testemuños que convidan á reflexión sobre os pasos dados” e “falan de realidades que cómpre recordar para xerar conciencia”, especialmente entre a xente máis nova.
Durante o evento, que contou coa música en directo de Maio, entregouse ás cinco protagonistas do audiovisual, un detalle elaborado polos usuarios e usuarias dos talleres ocupacionais da Asociación Chamorro. Ademais, integrantes do club de lectura do IES Fernando Esquío deron lectura aos compromisos recollidos no manifesto da FEMP polo 8M ao que se adheriu o Concello.
A actividade, que abriu a programación municipal con motivo do Día Internacional da Muller, conta co financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.