Friday 22 de November de 2024

32.000 persoas converten ExpoOrdes 2016 nunha das edicións máis concorridas da súa historia


A XXVII Degustación do Champiñón encheu a vila de festeiros e terrazas improvisadas. A directora xeral de Gandeiría, Belén do Campo, achegouse hoxe á exposición de maquinaria agrícola para coñecer as últimas novidades

Novamente hai que empregar a palabra éxito para falar de ExpoOrdes e da popularmente coñecida como Festa do Champiñón. Calcúlase que ao longo desta fin de semana a vila ordense acolleu arredor de 32.000 persoas que desfrutaron dun programa marcado polas novidades comerciais, a cultura, a boa mesa e, sobre todo o entretemento.
Máis de 160 postos con todo tipo de novidades repartidos en distintos espazos temáticos, como a feira multisectorial, a de artesanía, a mostra de maquinaria agrícola e, como máxima novidade, o I Salón de Moda e Eventos deixaron con bo sabor de boca a todas e todos os que achegaron.

Pero sen dúbida foi a XXVII Degustación do Champiñón celebrado neste último día de convocatoria un dos pratos fortes e que maior número de público congregou. En total estímase que se repartiron arredor de 3.500 quilos deste tipo de cogomelo, que cada bar e restaurante preparou do mellor xeito. Con nata, con xamón e allo, mariñados con salsa de soia, en tortilla e ata queixo con champiñón foron algúns das múltiples variedades que se puideron saborear hoxe nas terrazas que invadiron as rúas de Ordes. Como si se tratar dunhas grandes festas patronais, novamente o casco urbano de Ordes transformouse nunha gran festa que, incluso, foi máis aló do aspecto propiamente gastronómico.
Relevancia do agro
Tendo en conta o éxito e importancia que ao longo dos anos ten cobrado a mostra de maquinaria agrícola que se celebra paralelamente a ExpoOrdes, Belén do Campo, directora xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Alimentarias, aproveitou a ocasión para facer un percorrido polo espazo e intercambiar impresións con moitos profesionais do sector que ben residen ou ben teñen negocios na comarca. Acompañada polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e polos concelleiros de Educación, Comercio e Medio Ambiente, tamén tivo ocasión de ver de primeira man os últimos modelos de tractores, vehículos e avances de inxeñería destinados aos traballos do campo. Belén do Campo tamén pasou polo posto promocional do leite galego 100%, e incluso botou unha man no reparto, apoiando deste xeito a campaña lanzada dende a Xunta de Galicia en apoio ao sector lácteo da comunidade.