Monday 09 de March de 2026

Culleredo sen Servizo de Emerxencias municipal


– O Servizo de Emerxencias municipal está nunha situación de total precariedade, tanto no referido a medios humanos como materiais.

– O servizo, que depende directamente do Alcalde José Ramón Rioboo, leva tempo arrastrando esta precariedade, sen persoal e co camión de emerxencias inoperativo.

– Nos lumes que calcinaron dúas casas esta semana, como en anteriores incidencias, unicamente interviron dotacións provintes de Arteixo e Betanzos.

– Culleredo, pola situa situación estratéxica, precisa urxentemente dotar de xeito axeitado os seus servizos de emerxencias ante situacións que requiran actuacións inmediatas.

Aínda que formalmente existe, a realidade é que Culleredo carece dun Servizo de Emerxencias, como se puido comprobar nos dous lumes en vivendas que ocorreron esta semana. Foron os servizos de emerxencias de Arteixo e Betanzos os que se tiveron que desprazar a Culleredo para sofocar os lumes.

Ante situacións que requiran actuacións inmediatas Culleredo non ten persoal nen medios no seu Servizo de Emerxencias para poder operar como sería desexábel. Como xa o BNG alertou con anterioridade, a deixación do Alcalde José Ramón Rioboo nas súas funcións é un perigo para a seguridade dos veciños e das veciñas de Culleredo, xa que é un Servizo que depende directamente del.

Malia os múltiples anuncios de melloras desde a súa chegada ao goberno municipal, o certo é que con José Ramón Rioboo o Servizo de Emerxencias, e mesmo a Agrupación de Protección Civil, non fixeron máis de empeorar nas súas condicións de traballo e nas súas dotacións de medios, tanto humanos coma materiais.

Un Concello como Culleredo, con máis de 30.000 habitantes, aeroporto, varios polígonos industriais, atravesado por un gaseoducto, dúas liñas férreas (unha delas de AVE), unha autoestrada e unha autovía, e nas proximidades dunha refinería, non pode carecer dun servizo de emerxencias digno de tal nome.

Na actualidade o Servizo de Emerxencias pouco máis é que un camión de primeira intervención inoperativo por falta de mantemento e de persoal, anunciado aos catro ventos no seu momento, e que se paseaba en datas sinaladas para mero lucimento.

Tono Chouciño, voceiro do BNG de Culleredo, pon de manifesto que “o que aconteceu estes días chama a atención porque son dous incidentes de entidade que acontecen en moi corto espazo de tempo. Pero o Servizo de Emerxencias leva instalado na precariedade bastante tempo. É un servizo que depende directamente do alcalde, e súa é a responsabilidade de dotalo axeitadamente de medios humanos e materiais. É tempo de poñer fin a esta precariedade.”

Deja un comentario