• O presidente da Reserva e o vicepresidente da Deputación entregaron os diplomas en Biocultura
• “Formar parte da marca de calidade é apostar pola sostibilidade e lograr un factor diferenciador no territorio”, expresou Santiso
A marca de calidade da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas segue crecendo. A entidade celebrou onte, no marco da feira Biocultura, o acto de entrega dos recoñecementos a 11 empresas do territorio que se integran no distintivo tras superar os procesos de formación e avaliación.
O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, foron os encargados de entregar os diplomas conmemorativos aos responsables das empresas. No acto tamén participou o xerente da Reserva, Diego López.
As empresas distinguidas son: Área Pernocta Punta do Petón e Un Mar de Cores (Arteixo); Hotel e Restaurante Bemar do Camiño (Paderne); Casa Grande do Soxal e Mel das miñas colmenas (Oza – Cesuras); Casa Rural Horta de Arriba (Sobrado); El galeón de la ría (Sada); Noa Boutique Hotel (Oleiros); e Paadín Eventos, Terra Food Solutions e Viveiro A Revolta (Cambre).
Mariñas Coruñesas desenvolve cada ano este plan formativo, que permite a empresas turísticas dos seus 17 municipios a obtención da tripla certificación, sumando o selo do SICTED e o do Club de Ecoturismo de España á mencionada marca da Reserva. O plan inclúe sesións teóricas, de asesoramento técnico, de adaptacións de procesos internos.
“Hoxe recoñecemos a empresas que decidiron dar un paso adiante e apostar pola calidade e a sostibilidade someténdose a un proceso esixente”, expresou Santiso, destacando o “mérito” polo seu compromiso. “Formar parte da marca significa integrarse nun modelo que entende o turismo como unha ferramenta de conservación, de dinamización económica e de cohesión territorial”, sinalou.
A marca implica controis, avaliacións anuais, colaboración cos distintos axentes locais e unha filosofía de mellora constante. “É un factor diferenciador, un sinónimo de excelencia para quen nos visita”, resumió.
Santiso enxalzou o “papel fundamental” de Xosé Regueira polo seu “apoio constante” á Reserva de Biosfera. “É unha persoa que creu desde o principio na nosa Reserva e sempre está aí con total disposición para que esta filosofía dun turismo diferente, respectuoso co medio e favorecedor do desenvolvemento local siga crecendo”, rematou.
A certificación das Mariñas Coruñesas supera as 100 empresas entre produtores, restaurantes, aloxamentos, guias turísticos e empresas de servizos.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.