Monday 09 de March de 2026

O PSdeG pide habilitar un paso de peóns na rúa Concepción Arenal para mellorar a seguridade na contorna da Inmaculada


Marta Abal reclama ao goberno local que atenda a petición do consello escolar e dea cumprimento ao rogo presentado polo Grupo Municipal Socialista no pleno de febreiro.

A concelleira socialista advirte de que a situación actual non garante un cruzamento seguro e lembra que se trata dunha demanda directa da comunidade educativa.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal reclamou ao goberno da señora Sanmartín que actúe con axilidade e habilite un paso de peóns na rúa Concepción Arenal, nas proximidades do colexio da Inmaculada, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria na contorna do centro e dar resposta a unha demanda trasladada pola propia comunidade educativa.

Abal lembrou que no pasado pleno do mes de febreiro o Grupo Municipal Socialista levou á corporación unha petición formulada polo consello escolar do colexio, incidindo en que se trata dunha proposta que responde a unha necesidade real e contrastada. Segundo explicou, “boa parte da comunidade educativa e das familias do alumnado utilizan as galerías da praza de Galicia para chegar ou saír do colexio”, pero “non poden cruzar a rúa coas condicións de seguridade que serían desexables”.

A concelleira socialista advertiu de que a situación actual non garante un cruzamento seguro nunha zona con tránsito constante de alumnado e familias, polo que insistiu na necesidade de actuar sen máis demoras. Neste sentido, subliñou que dar cumprimento ao rogo permitirá “habilitar un cruzamento seguro e mellorar a seguridade viaria na contorna do centro escolar”.

Abal puxo en valor que esta iniciativa parte directamente da comunidade educativa e destacou que este tipo de actuacións “son importantes, especialmente cando responden ás peticións e á vontade da cidadanía, concretamente dun consello escolar”. Ao seu xuízo, atender estas demandas e resolver problemas concretos da veciñanza “é facer política útil”.

A edil socialista reclamou ao executivo municipal que priorice actuacións que melloren a seguridade nos accesos aos centros educativos e insistiu en que dar resposta a esta demanda sería unha mostra de responsabilidade e compromiso coa comunidade educativa da cidade.

Deja un comentario