O presidente da Xunta mantivo esta semana un encontro co alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, mantiveron esta semana unha xuntanza na que se abordaron diversas actuacións de mellora no municipio, tanto ao nivel de infraestruturas como de servizos sociais. Durante o encontro, Alfonso Rueda informou de que a Xunta de Galicia vai executar este ano actuacións de mellora do firme da estrada autonómica AC-960, que atravesa Boqueixón, por un importe de máis de 1 millón de euros.
Unha actuación que se une ás obras de construción dunha nova senda peonil nesta mesma estrada, de 1,3 quilómetros de lonxitude entre as localidades de Sergude e Rodiño, e que serán licitadas este mesmo ano cun investimento de case 750.000 euros. O alcalde de Boqueixón salientou que se trata dunhas obras “moi necesarias e demandadas pola veciñanza, xa que se trata dun tramo moi transitado”.
De feito, esa nova senda conectará cun tramo de 1,8 km que a Xunta de Galicia xa executou nesta mesma estrada AC-960, e que comunica o polígono industrial con A Eirexe, e enlazará con outra senda que o Concello de Boqueixón acaba de rematar cara a parroquia de Vigo. Unha actuación actualmente en fase de redacción do proxecto e que se enmarca no Plan de Sendas de Galicia, que xa permitiu a construción de máis de 300 quilómetros de itinerarios seguros e sostibles nas marxes das estradas autonómicas en toda a comunidade.
Por outra banda, Alfonso Rueda trasladoulle ao alcalde de Boqueixón a boa disposición da Xunta de Galicia a asinar un convenio de colaboración, ao abeiro do Plan Hurbe, para humanizar a entrada a Lestedo. Unha actuación que permitiría “mellorar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade non so dos veciños e veciñas de Lestedo senón tamén das aldeas da contorna”.
Finalmente, o presidente da Xunta confirmoulle a Ovidio Rodeiro que o recente acordo acadado entre a Xunta e a Fegamp para o incremento dun 50% da achega autonómica ao Servizo de Axuda no Fogar suporá un aforro de máis de 425.000 euros para as arcas municipais. Unha aportación que permitirá que Boqueixón blinde a súa ratio de atención, que se sitúa a día de hoxe no 98%, unha das máis elevadas da súa contorna.
Esta achega foi moi valorada polo alcalde, quen salientou “o compromiso da Xunta de Galicia cos Concellos e cos dependentes galegos fronte a un Goberno Central que continúa sen cumprir a lei e sen aportar o 50% do financiamento, o que nos obriga aos Concellos a facer fronte a uns gastos impropios para dar resposta ás necesidades dos nosos veciños e veciñas”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.