As instalacións acollen a nenos, nenas e adolescentes de entre 3 e 18 anos e busca ser un espazo de normalización da vida cotiá a través da convivencia
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou o Fogar María Inmaculada, un centro de iniciativa social dirixido pola Congregación de Relixiosas de María Inmaculada que ten como finalidade a protección de menores en situación de desestruturación familiar, abandono ou risco social. Á visita tamén acudiu a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez.
A Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias en materia de protección de menores, mantén un contrato con este centro para o mantemento de 32 prazas concertadas, das que dúas son de día, e polo que a administración autonómica aporta un orzamento de 555.866,16 euros en 2016.
A pesar de que o contrato do centro rexistra a atención a menores con idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos, a poboación atendida normalmente abrangueu a menores de 5 a 18 anos. Ademais, en moitos casos aceptan menores que amosan algún tipo de discapacidade, ben sexa física ou intelectual; en concreto , ao longo do ano traballaron con 5 menores que amosaron algún tipo de discapacidade intelectual, que vai acompañada nalgún deles por deficiencia física, así como a atención e coidados específicos que precisa unha nena que padece a enfermidade crónica de diabetes.
Este complexo residencial está formado por un pazo e dous pavillóns independentes ubicados nunha finca con espazos verdes que favorecen a posibilidade de esparcemento e recreo. Un dos pavillóns alberga catro fogares con capacidade para dez nenos cada un deles e cos servizos precisos para que, en cada fogar, se propicie unha normalización da vida cotiá a través da convivencia. Deste xeito, cada fogar conta con dúas educadoras e unha coidadora.
Tras visitar as instalacións Rey Varela agradeceu o traballo que se realiza no centro para “proporcionar aos menores unha atención e formación integral de calidade, para que no seu futuro acaden un desenvolvemento persoal e social óptimo”.
Programa Mentor
O Fogar María Inmaculada colabora co Programa Mentor da Xunta de Galicia co que se traballa a capacitación para a vida independente do menor, tanto laboral, como social. Grazas a este programa, un técnico acude regularmente ao centro para ofrecer formación individual e colectiva aos rapaces e rapazas.
A Consellería de Política Social destina máis de seis millóns de euros para inserción sociolaboral de mozos e mozas en risco de exclusión a través deste programa, cun contrato inicial que se prolonga ata o ano 2019. En concreto, no que se refire ao ano 2016, o orzamento do programa ascende a 1.616.422,14 euros, o que supón un incremento de máis de 30.000 euros con respecto ao do ano 2015.
Na actualidade, no tocante a recursos, ademais dos equipamentos de inserción sociolaboral, o Programa conta co traballo de 31 profesionais e 55 persoas voluntarias que colaboran na acción.
O Programa Mentor naceu na comunidade autónoma galega no ano 1998 como un programa unicamente de inserción laboral para menores tutelado. Progresivamente foron incrementándose os beneficiarios e obxectivos, sendo agora unha actuación máis integral. No ano 2015, un total de 478 mozos e mozas se beneficiaron do programa, dos que 72 foron usuarios de recursos residenciais.