Mañá sábado, dez mulleres do voluntariado Europeo, Sénior e Xuvenil de Lousame contarán as súas experiencias e valorarán o papel da muller nos seus países de orixe ou destino
O alcalde de Lousame, Esteban Ares, e a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, presidiron esta mañá o acto de lectura do manifesto institucional do Concello de Lousame con motivo da conmemoración do Día da Muller. Un acto que contou coa participación de concelleiros dos tres grupos municipais, veciños e veciñas de Lousame, traballadores municipais e integrantes da asociación Amicos, que tamén deron lectura a uns textos sobre a muller e a igualdade.
Silvia Agrafojo foi a encargada de dar lectura ao manifesto no que destacou esta xornada é “un día para reflexionar, para recoñecer e tamén para renovar o noso compromiso coa igualdade. Unha data que nos invita a mirar ao noso redor e a pensar nas mulleres que forman parte da nosa vida, pero tamén para lembrar e agradecer o camiño que abriron tantas mulleres antas ca nós. Mulleres valentes que, con esforzo e sacrificio, fixeron posible que hoxe vivamos nunha sociedade máis xusta e con máis oportunidades”.
Porén, insistiu en que “a igualdade plena aínda non está acadada. Aínda persisten desigualdades e situacións que nos lembran que a loita pola igualdade segue sendo necesaria. Desde o Concello de Lousame reafirmamos hoxe o noso compromiso de seguir traballando pola igualdade real entre mulleres e homes, impulsando políticas e iniciativas que garantan os mesmos dereitos, oportunidades e condicións para todas as persoas”.
Programación sábado 7
Para mañá sábado 7 de marzo queda a parte máis forte do programa do 8M. Ás 11:00 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá un obradoiro de lactación materna ofrecido por Alicia Conde. Unha hora máis tarde, o salón de plenos do Concello acollera a redonda “A muller en Europa”, no que dez voluntarias europeas, sénior e xuvenil contarán as súas experiencias e as doutras mulleres noutros países e culturas. As voluntarias participantes son: Ogsanna Yeritsyan, Zhenya Yordanova, Ana Uvarova, Lorena García, Nerea Carnota, Carolina Castro, Flora Batalla, Maribel González, Soledad Souto e María Luísa Pazos
E ás 13:30 horas, o alcalde de Lousame inaugurará a exposición “As Mulleres na Biblia”, cedida pola Fundación Museo de Artes de Ribeira e que poderá contemplarse na sala de exposicións municipal da Casa da Cultura.
A programación especial do Día da Muller rematará o propio domingo 8 de marzo coa posta en escena da obra “Todas temos a mesma historia”, unha peza inspirada en textos de Darío Fo e Franca Rame que, a través de tres momentos no tempo convida ao público a reflexionar sobre a realidade das mulleres ao longo de tres décadas pasadas e o mundo de hoxe en día. Será ás 19:00 horas no auditorio da Casa da Cultura. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.