Friday 22 de November de 2024

‘A de comarca’, homenaxe ao labor das escritoras da Mancomunidade de Ordes no Día do Libro


Varias xornalistas darán voz ás principais literatas da comarca nun proxecto que se difundirá nas plataformas dixitais dos concellos e do ente supramunicipal

Co gallo do Día do Libro que ten lugar este vindeiro sábado, 23 de abril, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes levará a cabo unha nova iniciativa baixo o título ‘A de comarca’, na que a creación literaria e o labor das mulleres no ámbito das letras serán os máximos protagonistas. Arredor de media ducia de escritoras da comarca con obras publicadas en diversas editoriais serán entrevistadas por profesionais e figuras de recoñecida traxectoria no eido do xornalismo e dos medios de comunicación.
Ao longo das vindeiras semanas todo o material acadado será colgado nas diversas páxinas web e redes sociais tanto da Mancomunidade como dos concellos que a compoñen. As escritoras Rosalía Morlán (Trazo), Tania Carro (Oroso), ou Josefina García (Tordoia), son algúns dos nomes propios que participan desta historia na que tamén figuran xornalistas como Paula Pájaro, da Cadena Cope.
“O principal obxectivo é o de publicitar a contribución que fan as mulleres ao ámbito literario. Con este traballo tamén lles queremos brindar a todas elas un merecido recoñecemento, á par que se incide na súa capacidade como creadoras e profesionais das letras”, tal e como explica Roberto Rey, presidente da Mancomunidade de Ordes.
Esta iniciativa lévana a cabo de xeito conxunto o Departamento de Prensa, o Centro de Información á Muller e o Servizo de Normalización Lingüística.