Saturday 16 de November de 2024

O Estado adxudica por medio millón de euros o acondicionamento ambiental do entorno da fábrica de castiñeiras


 

Construcciones López Cao foi a adxudicataria dunha actuación que rexenerará este importante espazo litoral e favorecerá o seu uso recreativo

 

Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente vén de adxudicar con carácter definitivo a esperada actuación destinada ao acondicionamento ambiental do entorno da fábrica de Castiñeiras.

Construcciones López Cao, S.L., resultou a empresa adxudicataria, cunha oferta de 505.901 euros, IVE incluído. Do interese espertado por esta actuación -esencial para a rexeneración do litoral riveirense- da fe o feito de foron un total de 41 as entidades que concorreron ao procedemento de contratación.

A execución destes traballos permitirá non só a recuperación da zona na que estaba situada a antiga fábrica de Castiñeiras –hoxe en ruínas- senón tamén favorecer o seu uso recreativo deste estratéxico espazo -localizado xunto á praia do Castro- a través da creación de áreas deportivas e de esparcemento e dunha rede de sendas.

14.200 metros cadrados

A zona de actuación ten unha superficie de 14.200 metros cadrados, cunha superficie construída aproximada de 5.500 metros cadrados.

Conforme ao proxecto elaborado, primeiramente terá lugar a demolición da estrutura que aínda queda en pé e o acondicionamento do terreo en cuestión.

Posteriormente se procederá á revexetación da zona e ao establecemento dos espazos previstos para uso público. Neste senso, crearase unha área deportiva que ocupará unha superficie de 1.120 metros cadrados e albergará unha pista de tenis de 15×32 metros e outra de futbito-baloncesto de 20×32 metros. Este recinto terá un pechamento metálico que quedará oculto tras unha pantalla vexetal formado por plantacións arbóreas autóctonas.

Anexo ao mesmo instalarase unha praza de pavimento de formigón impreso que estará bordeada por un murete de mampostería que servirá así mesmo de miradoiro.

Tamén será acondicionada a explanada situada fronte á antiga fábrica de salazón localizada no extremo sur, á que se lle proporcionará un acabado de pavimento natural terrizo.

Por outra parte, procederase a explanar e acondicionar con pavimento natural terrizo unha zona dirixida ao estacionamento de vehículos.

Por último, para propiciar o tránsito peonil, será executada unha rede de sendas con idéntico acabado en pavimento natural terrizo.

Unha vez finalizadas as obras, o Concello de Riveira farase cargo do mantemento de todo o enclave.

O prazo de execución son catro meses.