Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame obtivo un Remanente de Tesourería de 39.000 euros en 2015


O pleno aproba, cos únicos votos a favor do Grupo de Goberno, executar as obras de reparación das deficiencias cometidas por Aldasa SLU na execución do vial de enlace entre a DP-4201 e a DP-1105

O Concello de Lousame obtivo un remanente de Tesourería de 39.759,68 euros no exercicio 2015. Así o comunicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante o pleno extraordinario celebrado esta tarde no que deu conta da liquidación do Orzamento de 2015. Villaverde amosouse satisfeita con este resultado económico, froito da boa xestión económica que se está a realizar no Concello de Lousame.

Así, explicou que o Concello de Lousame cumpre cos principio de estabilidade orzamentaria, a regra de gasto e que segue a reducir o seu nivel de endebedamento con respecto a exercicios anteriores. “A débeda a longo prazo a día de hoxe, 22 de abril de 2015, é de 138.080,83 euros, logo de que nos últimos meses amortizaramos a operación de Tesourería para gastos xerais afrontada no exercicio de 2015”, apuntou Villaverde Pais presentando un Certificado de Contabilidade na sesión plenaria.

Resolución do expediente de incautación da garantía definitiva de Aldasa SLU

Por outra banda, o pleno municipal aprobou a resolución do expediente de incautación da garantía definitiva de Aldasa SLU polas deficiencias cometidas por esta empresa na execución do vial de enlace entre a DP-4201 e a DP-1105. Deste xeito, o Concello de Lousame executará subsidiariamente as obras de reparación dos defectos atopados neste vial, orzamentados en 53.241,78 euros.

Teresa Villaverde explicou que para costear este investimento, o Concello de Lousame utilizará os 41.671 euros presentados como aval pola empresa cando lle foi adxudicada a obra (que serán aboados por unha empresa aseguradora) e que, unha vez executadas as obras, o que exceda reclamaráselle ao contratista.Isto é posible porque as obras, adxudicadas en novembro de 2010, contaban cun prazo de 5 anos de garantía, polo que diante das deficiencias aparecidas na obra en 2015, o Concello decidiu iniciar este procedemento. O pleno aprobou hoxe esixir o ingreso dese aval, a execución subsidiaria das obras e reclamar o que exceda do orzamento á empresa contratista.

Esta decisión foi aprobada cos 6 votos a favor do Grupo de Goberno, a abstención do BNG e os 3 votos en contra do PSOE, que mudou a súa posición no inicio do expediente (pois se abstivera no pleno de marzo de 2015). Teresa Villaverde lamentou a actitude dos socialistas pois “non entendo como se pode votar en contra de que se arranxe unha obra a cargo de quen a fixo mal e prefiran que se faga a conta dos cartos dos veciños e veciñas de Lousame”.

Renuncia de Xoán Evans

O pleno comezou coa toma de coñecemento da renuncia á súa acta de concelleiro polo Partido da Terra de Xoán Evans Pin. Será substituido por José Rodríguez Cao, quen tomará posesión da acta de concelleiro na seguinte sesión plenaria e unha vez que a Xunta Electoral confirme o seu nomeamento.