Monday 09 de March de 2026

A Rede de Escolas Infantís Municipais abre o luns 9 o prazo para reservar prazas para o vindeiro curso


As familias con alumnado xa matriculado nas EIM poderán solicitar a súa continuidade ata o día 12. Xa o venres 13 publicarase na páxina web do Concello a bolsa de prazas libres para novos ingresos

Este ano, e como novidade, o Goberno de Inés Rey establecerá tamén a gratuidade do horario ampliado

O Concello estima que a EIM de Monte Alto, renovada e mellorada en paralelo ás obras no mercado do barrio, abrirá no mes de setembro

O vindeiro luns, día 9, o Concello porá en marcha os preparativos do curso 2026-27 nas escolas infantís municipais, que abrirán o prazo de solicitudes e posibilitarán que as nenas e nenos xa matriculados —e que desexen seguir nas EIM— poidan reservar a súa praza ou solicitar traslado ata o xoves 12 deste mes.

Será o punto de partida desta nova campaña nas EIM, que continuará o venres 13 coa publicación das vacantes para novos ingresos. A partir de aí, o próximo paso será a apertura da preinscrición en liña, entre o 16 e o 30 de marzo. A resolución definitiva será o 30 de xuño, sendo entre o 1 e o 10 de xullo cando estará aberto o prazo de matrícula.

A alcaldesa, Inés Rey, expuxo a importancia deste servizo público que, desde o pasado mandato, é gratuíto para as familias. Foi unha medida pioneira en Galicia que, agora, avanza un paso máis: tal e como se aprobou esta semana en Xunta de Goberno, establécese a gratuidade do horario ampliado. Na práctica, isto supón que as crianzas que, por circunstancias excepcionais, deban permanecer na escola máis de 8 horas (máximo 10) o farán de balde. Só se pagará polos servizos complementarios de comedor escolar.

Unha lista de agarda única para o conxunto da rede das EIM

Outro dos aspectos destacados das novas bases de admisión nas EIM é a supresión das convocatorias extraordinarias. A partir deste curso, o Concello xestionará ata finais de ano unha lista de agarda única para o conxunto da rede das EIM, o que facilitará a oferta de prazas nas escolas a medidas que queden dispoñibles e axilizará así o acceso directo ás familias demandantes, sempre que haxa vacantes nalgunha das oito escolas.

Isto supón un cambio substancial na forma de proceder neste sentido, xa que, ata agora, a listaxe de agarda era por escola infantil.

A maiores, no caso de circunstancias excepcionais que xurdan durante o curso escolar, como un traslado á cidade da Coruña pola metade do curso ou outras circunstancias debidamente xustificadas, poderase obter praza nunha escola infantil se existe vacante e non hai lista de agarda. Isto, sen necesidade de que se realice unha convocatoria extraordinaria ou sen que se participase na ordinaria.

O Concello da Coruña xestiona, a través das respectivas empresas concesionarias, oito escolas infantís: Arela (Elviña), Carricanta (O Castrillón), Os Cativos (Palavea), Agra do Orzán, Os Rosales, A Caracola (Novo Mesoiro), a Luís Seoane e a EIM de Monte Alto, esta última renovada ao abeiro das obras de remodelación do mercado municipal do barrio e que, segundo as previsións dos servizos municipais, abrirá no mes de setembro.

Deja un comentario