Tuesday 10 de March de 2026

Laxe modernizará o seu abastecemento de auga con novas actuacións de dixitalización


O Concello de Laxe impulsará novas actuacións para seguir mellorando e modernizando o seu sistema de abastecemento de auga, co obxectivo de reforzar o control e seguimento das instalacións e ofrecer unha resposta máis rápida ante posibles incidencias.

Esta actuación desenvolverase no marco do programa promovido por Augas de Galicia para avanzar na modernización dos sistemas de abastecemento en concellos galegos de menos de 20.000 habitantes, unha liña de apoio que permitirá seguir mellorando unha infraestrutura esencial para o municipio. No caso de Laxe, os traballos centraranse na rede que abastece a practicamente todo o concello, especialmente relevante nunha localidade na que a poboación aumenta de forma notable durante os meses de verán.

As melloras permitirán coñecer con maior precisión a auga que circula pola rede, controlar mellor o nivel do depósito e reforzar a vixilancia sobre a calidade da auga. Todo iso facilitará a detección temperá de incidencias, posibles fugas ou perdas, e unha resposta máis rápida.

As actuacións desenvolveranse en tres puntos crave do sistema: a captación de Río Grande, a ETAP de Badalama e o depósito de Laxe (Coens). Neste último, instalaranse novos equipos para medir o caudal, controlar o nivel da auga e supervisar en continúo parámetros como o pH e o cloro. Tamén está prevista unha instalación fotovoltaica para a subministración de enerxía, xa que o depósito non dispón de conexión á rede eléctrica.

O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, destaca que “estas melloras supoñen un paso importante para seguir modernizando un servizo básico para o municipio e ofrecer unha mellor atención aos veciños, con máis control sobre as instalacións e unha maior capacidade de resposta ante posibles problemas”.

Con esta actuación, Laxe dá un novo paso na modernización do seu abastecemento e reforza a súa aposta por unha xestión da auga máis eficiente, segura e sostible.

Deja un comentario