Tuesday 10 de March de 2026

O BNG reclama cubrir o 100% dos médicos en Ribeira e Aguiño


A veciñanza de Ribeira volveu mobilizarse este xoves en defensa da sanidade pública para reclamar a cobertura das prazas sanitarias que continúan vacantes nos centros de saúde do municipio.

O exalcalde, Luís Pérez Barral, xunto con compañeiros e compañeiras do BNG participou na concentración e denunciou que, malia que a presión social permitiu cubrir parte das vacantes nos últimos meses, aínda existen carencias importantes nos centros de saúde. Actualmente segue faltando unha profesional no centro de saúde de Aguiño e tres en Ribeira. Para o portavoz nacionalista, esta situación evidencia que o sistema sanitario público precisa máis recursos e unha planificación que garanta a cobertura de todas as prazas e non parches puntuais.

Barral sinalou que a política sanitaria do Partido Popular está a debilitar a Atención Primaria. “Entre 2020 e 2025, o goberno galego desviou case 1.700 millóns de euros á sanidade privada, uns recursos que poderían servir para contratar máis profesionais, reforzar os centros de saúde e reducir as listas de agarda”, afirmou.

O portavoz do BNG advertiu tamén das dificultades para reter profesionais no sistema público. Lembrou que unha parte importante dos médicos que rematan a súa formación non continúan traballando na sanidade galega. “Dos 91 MIR que remataron a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria en 2025, arredor do 65 % marcharon. Isto é consecuencia da precariedade laboral e da falta de condicións atractivas para desenvolver aquí a súa carreira”, indicou. Co obxectivo de atraer profesionais no canto de expulsalos, o BNG propón poñer en marcha dun plan de retorno, captación e fidelización, con ofertas atractivas e competitivas tanto no ámbito económico como das condicións laborais.

Para o Bloque Nacionalista Galego, a situación demostra a necesidade de apostar decididamente pola sanidade pública e pola Atención Primaria como eixo do sistema sanitario. “É imprescindible garantir persoal suficiente, condicións dignas para os profesionais e unha atención de calidade para toda a cidadanía”, subliñou Barral.

O representante nacionalista tamén criticou a postura de responsables do Partido Popular na localidade, aos que acusou de non atender as demandas da veciñanza. “Cando a cidadanía ten que saír á rúa para defender un servizo básico como a sanidade pública, significa que quen goberna está fallando”, asegurou.

Barral informou de que os datos reflicten a deterioración que está a sufrir a sanidade pública como consecuencia das políticas do Goberno de Rueda. Datos como que hai 360.000 persoas en lista de espera estrutural para atención hospitalaria ou que a temporalidade acada o 54 % no caso da enfermería ou o 48 % en medicina.

Finalmente, o BNG trasladou o seu recoñecemento ás persoas que levan meses participando nas mobilizacións e reiterou o seu compromiso de seguir defendendo unha sanidade pública forte e accesible para toda a poboación. “Vemos que a veciñanza non conta co apoio do goberno local pero vemos que existe unha maioría social disposta a loitar polos seus dereitos e desde o BNG imos continuar apoiando esa reivindicación ata conseguir unha sanidade pública digna”, concluíu Pérez Barral.

Deja un comentario