Tuesday 10 de March de 2026

Bergondo inaugurará o 21 de marzo a programación de actos polo 900 aniversario do Mosteiro de San Salvador


· Celebrarase un acto aberto ao público no que, ademais dos discursos institucionais, realizarase unha visita guiada ao espazo expositivo que se instalará no mosteiro.

· Baixo o lema ‘900 anos de memoria en pedra’, organizaranse ao longo do ano actividades, visitas para grupos e diferentes exposicións.

· Ademais, a familia Aldao deu a súa visto e prace para o acceso á capela de Santa Catalina, que formará parte do percorrido definitivo.

O Concello de Bergondo celebrará o vindeiro sábado 21 de marzo o acto que dará o pistoletazo de saída ás diferentes accións que levarán a cabo para conmemorar o 900 aniversario do primeiro documento conservado do Mosteiro de San Salvador e que se englobarán baixo o lema ‘900 anos de memoria en pedra’.

No acto, que terá lugar no propio mosteiro a partir das 12 horas, participarán representantes institucionais e eclesiásticos, ademais de toda aquela persoa que desexe formar parte deste momento histórico. Ademais dos discursos das autoridades, haberá un pequeno concerto de piano a cargo de Keilin e Vilariño, e realizarase unha visita guiada ao espazo expositivo que se instalará nas diferentes estancias do mosteiro.

Ao longo do 2026 o Concello ten previsto organizar diferentes actividades, visitas para grupos e exposicións que se irán anunciando progresivamente para crear unha programación viva que permita ao visitante repetir a experiencia en diferentes momentos do ano. A visita incluirá o acceso á capela de Santa Catalina grazas á autorización recibida por parte dos seus propietarios, a familia Aldao.

‘900 anos de memoria en pedra’

Os actos que dan comezo o 21 de marzo e que se estenderán ao longo de todo o ano conmemoran os novecentos anos do primeiro documento conservado do mosteiro de San Salvador de Bergondo: unha doazón, feita pola condesa maior Roderici, viúva nese momento do conde de Traba, Pedro Froylaz (o nobre galego máis importante do seu tempo), xunto aos seus fillos, a favor do mosteiro.

Neste primeiro documento, a condesa entrega ao abade Rosendo e aos monxes a igrexa de “Santo Vincenzo de Marrugio” (o actual San Vicente de Moruxo) á comunidade de monxes. Consérvase actualmente na Real Academia Galega, formando parte do Fondo Murguía.

Imaxe específica

A imaxe corporativa da iniciativa vira ao redor dun logotipo inspirado nos elementos simbólicos que adornan os tímpanos dos accesos ao templo. O entradas sur e occidental presentan arcos lobulados cunha sinxela decoración a base de alvéolos, presente principalmente no románico hispano e francés (aínda que non moi frecuente), que ten a súa orixe no oriente musulmán e penetra na arte cristiá hispánico medieval con motivo da ampliación da mesquita alxama de Córdoba, en tempos do califato omeya.

Ao mesmo tempo, un segundo elemento, unha figura cruciforme que loce no tímpano do acceso norte ao templo de Bergondo, serve para desenvolver un anagrama co nome do concello. A cor vermella elixida provén da característica pigmentación dos elementos de pedra durante o románico e épocas posteriores, dos que hai rastros nos sepulcros góticos que se conservan na igrexa ou na portada renacentista do claustro.

Deja un comentario