Thursday 05 de March de 2026

‘Chicas nuevas 24 horas’, de Mabel Lozano, achega a Camariñas a realidade da trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual


● A Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade (Xunta de Galicia), en colaboración co Concello de Camariñas, promove a mostra.

● Mañá, xoves 5 de marzo, están programadas actividades didácticas co alumnado do IES Pedra da Aguia.

● O 12 de marzo ás 18:30 horas terá lugar no Museo do Encaixe a proxección do documental ‘Chicas nuevas 24 horas’ con entrada libre ata completar aforo.

O Concello de Camariñas, dentro da súa programación polo 8M, Día da Muller, leva ao IES Pedra da Aguia a exposición “Chicas nuevas 24 horas”, que denuncia a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual e que estará vixente ata o 15 de marzo.

A mostra. impulsada pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero (Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia), percorre desde o mes de novembro diferentes municipios e institutos galegos para achegar a necesaria denuncia sobre a compravenda de mulleres e nenas para a súa explotación sexual.

Esta exposición está composta por fotografías, a proxección do documental “Chicas nuevas 24 horas” (escrito e dirixido por Mabel Lozano) e traballos interactivos co alumnado. Nela danse a coñecer as vivencias e situacións de diversas mulleres e nenas que, desde localizacións como España, Arxentina, Perú, Colombia ou Paraguai, dan o seu testemuño sobre esta lacra social. Un traballo global en torno á trata que denuncia o escuro día a día no que viven millóns de mulleres no mundo por culpa das mafias e proxenetas, destapando a realidade da prostitución exercida desde a escravitude, sempre baixo enganos, extorsións, débedas e ameazas. Un negocio que xera unhas ganancias de 32.000 millóns de dólares ao ano.

A exposición inclúe actividades complementarias de carácter social, didáctico e formativo, centradas en dous piares básicos: a prevención e a concienciación. O obxectivo final é lograr a implicación da mocidade na erradicación deste negocio, un fin que é máis factible conseguir a través dunha menor demanda xunto co compromiso e a responsabilidade social.

O documental “Chicas nuevas 24 horas” proxectarase o xoves 12 de marzo ás 18:30 horas no Museo do Encaixe, con entrada libre ata completar aforo. É unha viaxe aos entrares dunha realidade presente pero sempre oculta, cuxa proxección ten como obxectivo xerar unha sociedade máis concienciada, que se converterá na mellor ferramenta para facer desaparecer esta forma de escravitude de mulleres e nenas. Todos os días son importantes para construír a igualdade e tamén alzamos as nosas voces contra a trata como unha das formas de violencia máis profundas que sofren as mulleres e as nenas.

Mabel Lozano

Mabel Lozano, guionista, produtora e directora de cine social, conta cunha traxectoria de máis de 15 anos centrada na visibilización da lacra da prostitución na procura dunha maior concienciación social para erradicala. A directora comezou a súa carreira como presentadora de programas de entretemento, pero en 2007 a súa relación co audiovisual cambiou para ser unha das voces de denuncia da explotación da muller.

Tras coñecer unha historia persoal que quixo contar, deu un xiro á súa carreira televisiva e, cun máster de Cine Social e Dereitos Humanos na Universidade de Galway (Irlanda), comezou unha carreira como documentalista polos dereitos humanos, escribindo e dirixindo a súa primeira longametraxe documental ‘Voces contra la trata de mujeres’, rodada en Romanía, Moldavia e España, onde denuncia a compravenda de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.

Desde entón, ademais de curtas e anuncios, elaborou outras longametraxes e documentais sempre coa mirada posta nos dereitos sociais e, especialmente, dando voz a problemáticas femininas. É o caso de ‘La teoría del espiralismo’ (2009), protagonizado por cinco deportistas paralímpicas, ou ‘Las sabias de la tribu’ de 2010, homenaxe ás xeracións de mulleres da posguerra que loitaron polos seus dereitos; ademais do documental ‘Madre’ ou a curta ‘Las mujeres que triunfan’, na que fala sobre o éxito das mulleres de máis de 45 anos.

En 2015 estreou o documental ‘Chicas nuevas 24 horas’, sobre o tráfico e explotación sexual de mulleres; unha coprodución entre Arxentina, Colombia, Paraguai, Perú e España que foi candidata ao premio Goya e aos Premios Platino do Cine Iberoamericano. Tras isto, en 2018 presentou ‘El proxeneta. Paso corto, mala leche’, a historia real en primeira persoa dun tratante de mulleres a través da cal repasa a evolución da prostitución e a trata en España desde a década dos 80. Recibiu, entre outros, o Premio Rodolfo Walsh que se entrega na Semana Negra e o Comadre de Oro de 2021, o mesmo ano no que gañou o Goya á curtametraxe documental por ‘Biografía del cadáver de una mujer’.

Mabel Lozano recibiu o Premio Goya 2021 pola curtametraxe documental “Biografía del cadáver de una mujer” e o Premio Goya 2024 por “Ava”.

Deja un comentario