Thursday 05 de March de 2026

Ribeira pon en marcha “Por fin é finde”, un novo espazo de lecer saudable para a mocidade na Casa da Xuventude


 O programa desenvolverase todos os sábados pola tarde con actividades gratuítas, formación e zonas de encontro libre para mozas e mozos a partir de 12 anos

A Concellería de Xuventude do Concello de Ribeira vén de poñer en marcha o proxecto “Por fin é finde”, unha nova iniciativa destinada á mocidade do municipio a partir dos 12 anos que transforma a Casa da Xuventude nun espazo dinámico de encontro, formación e lecer saudable durante as fins de semana.

O centro abrirá todos os sábados en horario de 17:00 a 20:00 horas, ofrecendo unha programación variada que combina actividades formativas, propostas creativas e espazos de esparexemento libre, sempre baixo a supervisión de profesionais.
Entre as actividades previstas inclúense talleres creativos como repostaría e customización, torneos de E-Sports e videoconsolas, concertos en directo, karaoke ou festas temáticas, así como propostas de formación vinculadas ao monitorado de ocio e tempo libre, organización de viaxes e roteiros.

O proxecto baséase nunha metodoloxía de participación activa, onde a mocidade non só participa senón que tamén propón contidos, fomentando a autoxestión e a aprendizaxe experiencial. Ademais, ao tratarse dun servizo gratuíto e sen inscrición obrigatoria para o uso do espazo, elimínanse barreiras de acceso e favorécese a integración de mozas e mozos de diferentes contornas.

A iniciativa comezou o pasado 28 de febreiro co Curso Oficial de Monitorado de Tempo Libre e, a partir do primeiro sábado de marzo, abrirase plenamente a toda a mocidade de Ribeira.

Dende o Concello destacan que “Por fin é finde” supón un paso máis na consolidación da Casa da Xuventude como referente de participación e dinamización xuvenil no municipio, ofrecendo alternativas de lecer saudable que contribúan á prevención de condutas de risco e ao fortalecemento da vida xuvenil.

Deja un comentario