O Concello de Frades celebrará este venres 6 de marzo os actos conmemorativos do Día da Muller, que inclúen o reparto de material divulgativo entre a rapazada, a colaboración no programa “Mulleres referentes da Comarca de Ordes” e a instalación dun punto informativo na casa consistorial. Tres iniciativas organizadas polo Concello de Frades, en colaboración co Ministerio de Igualdade e ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Así, durante a mañá o Concello de Frades procederá a repartir material divulgativo entre a rapazada do CPI Ponte Carreira, así como entre o alumnado de Abellá que estuda no colexio de Xanceda (Mesía). Así mesmo, o Concello colaborará coa Mancomunidade de Ordes no programa “Mulleres referentes da comarca de Ordes”, que este ano se presenta baixo a lenda: “Aquí estamos: Visibles, capaces, imparables”.
Finalmente, a Casa Consistorial acollerá un punto informativo, repartindo variado material divulgativo para informar, sensibilizar e reivindicar os dereitos da muller, reclamando a redución das desigualdades de xénero e avanzando cara unha sociedade libre de violencias machistas, sen brechas de xénero, máis igualitaria e cunha maior calidade democrática.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.