Wednesday 04 de March de 2026

As voluntarias europeas de Lousame protagonizarán os actos do 8 de marzo cunha mesa redonda sobre a muller en Europa


Voluntarias de Rusia, Armenia, Bulgaria e Turquía contarán a súa experiencia e valorarán o papel da muller nos seus países de orixe

Un obradoiro de lactación materna, unha exposición da muller na biblia e unha obra de teatro completan a programación do Día da Muller

O alcalde de Lousame, Esteban Ares, e a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, presentaron esta mañá a programación especial do Concello de Lousame con motivo do Día da Muller e que se desenvolverá do 6 ao 8 de marzo. Un amplo programa para “reivindicar a igualdade de xénero e que as mulleres teñen que ter as mesmas oportunidades e os mesmos dereitos cos homes, independentemente da súa raza, da súa procedencia, dos seus ingresos ou da súa profesión”, asegura o alcalde lousamián, para que “o 8 de Marzo é unha data que hai que reivindicar todos os anos ata acadar esa igualdade real”.

Unha programación que terá como prato forme unha mesa redonda, denominada “A muller en Europa”, que terá lugar no salón de plenos do Concello o sábado 7 de marzo, ás 12:00 horas. Unha iniciativa especial e que “ningún outro concello en Galicia pode facer porque só Lousame conta con voluntariado Europeo, Sénior e Xuvenil, mulleres que contarán as súas experiencias e as doutras mulleres noutros países e culturas”, salienta Silvia Agrafojo.

O técnico de Voluntariado de Lousame, Xosé Manuel Outeiral, adianta que nesa mesa redonda estarán presentes “varias voluntarias europeas que estiveron en Lousame durante os últimos anos e que analizarán o papel da muller en países como Rusia, Armenia, Bulgaria e Turquía, ademais de sumar tamén a perspectiva de voluntarias sénior e xuvenís que se desprazaron a outros países e que tamén nos contarán a súa experiencia e como viron o papel da muller nesas sociedades”.

Programa 2026

Esta mesa redonda é tan só unha das cinco actividades programadas polo Concello de Lousame para conmemorar o Día da Muller. Un programa que arrincará o venres 6 de marzo, ás 12:00 horas, coa tradicional lectura do manifesto institucional na praza do Concello.

O sábado 7 de marzo, ás 11:00 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá un obradoiro de lactación materna ofrecido por Alicia Conde. Unha iniciativa incluída no programa de fomento da natalidade do Concello de Lousame e que busca resolver dúbidas a aquelas mulleres que opten por esta opción durante os primeiros meses de vida do neno ou da nena. As 20 prazas dispoñibles xa están cubertas, se ben “se hai algunha nai ou futura nai de Lousame que desexe participar, pode facelo chamando á Casa da Cultura, que lle faremos un oco”, apunta Silvia Agrafojo.

Despois da mesa redonda, ás 13:30 horas terá lugar a inauguración da exposición “As Mulleres na Biblia”, cedida pola Fundación Museo de Artes de Ribeira e que poderá contemplarse na sala de exposicións municipal da Casa da Cultura. Será inaugurada polo alcalde de Lousame, Esteban Ares García.

A programación especial do Día da Muller rematará o domingo 8 de marzo coa posta en escena da obra “Todas temos a mesma historia”, unha peza inspirada en textos de Darío Fo e Franca Rame que, a través de tres momentos no tempo convida ao público a reflexionar sobre a realidade das mulleres ao longo de tres décadas pasadas e o mundo de hoxe en día. Será ás 19:00 horas no auditorio da Casa da Cultura.

Deja un comentario