Wednesday 04 de March de 2026

O Outlet de Fene regresa esta fin de semana coa participación de 17 establecementos locais


A programación inclúe a actuación musical de Galiza Sound Machine o venres e o sábado pola tarde

A iniciativa desenvolverase nas propias tendas con horarios especiais e importantes descontos nos produtos

O Concello de Fene impulsa unha nova edición do Outlet de Fene, que se celebrará os días 6, 7 e 8 de marzo, coa participación de 17 establecementos comerciais do municipio. A iniciativa desenvolverase nos propios locais participantes, que ofrecerán produtos en condicións especiais durante tres xornadas.

O horario do Outlet será de 10.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas o venres e o sábado, e o domingo de 11.00 de 13.30 horas. Nesta edición participan os seguintes comercios: MasSport, DaMa, Bualá, El Baúl de Bego, Lencería Loly Calvo, Costuras, Calzados Locay, Mayka Moda, Koralli Boutique, Jomer, Kenia, Berline, A Tenda Agasallos, Dani Reparaciones y Complementos, Cáprica Comics y Juegos, Arrecendo e Luale114.

A concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, sinalou que “o Outlet é unha oportunidade para dinamizar o comercio local e incentivar as compras de proximidade, ofrecendo á veciñanza produtos de calidade a prezos atractivos”. A edil anima á veciñanza a “percorrer os establecementos participantes e apoiar ao pequeno comercio, que é unha peza clave na vida económica e social do concello”.

Como complemento á actividade comercial, o Outlet contará coa actuación musical de Galiza Sound Machine, que actuará o venres e o sábado en horario de tarde, contribuíndo a crear ambiente nas rúas comerciais.

Desde o Concello de Fene convídase á veciñanza a participar nesta nova edición do Outlet e a apostar polo comercio de proximidade. A iniciativa está subvencionada pola Deputación da Coruña e enmárcase nas accións municipais de apoio ao comercio local e de dinamización económica.

Deja un comentario