Tuesday 03 de March de 2026

O PSdeG acusa a PP e BNG de bloquear a única solución mentres a rede de auga cae a pedazos


Marta Abal advirte de que “a situación da rede de saneamento e de abastecemento é crítica e insostible” e que Santiago “non pode seguir a vivir á base de parches”.

A concelleira socialista acusa ao PP de practicar “unha política irresponsable e cínica” e denuncia que está “a xogar co sufrimento da xente e coa degradación dun servizo esencial”.

Abal acusa ao goberno de Goretti Sanmartín de estar “atrapado en liortas internas e cunha alcaldesa incapaz de liderar” e insiste en que “a única solución é a concesión”.

A concelleira socialista Marta Abal advertiu de que “a situación da rede de saneamento e de abastecemento é crítica e insostible”, cunha infraestrutura obsoleta e cun rural onde “en pleno século XXI aínda a veciñanza non ten nin abastecemento nin saneamento na súa totalidade”.

Abal deixou claro que “isto non é un debate teórico nin un xogo político”, senón que “estamos ante un fallo grave dun servizo esencial”. Ao seu xuízo, “cada día que pasa sen decisións é máis risco, máis avarías, máis custos e máis desigualdade”, polo que reiterou que “Santiago non pode seguir a vivir á base de parches” e advertiu de que, se non se actúa con decisión, “estamos condenando á cidade e ao rural a un deterioro constante”.

A edil puxo cifras á degradación da rede. No ano 2021 rexistráronse “en torno a 326 avarías que afectaban a máis de 17.000 fogares” e no 2022 “máis de 307 avarías que afectaban a máis de 14.000 fogares”. “Estamos a falar en torno a un ritmo de rotura dunha tubaxe case ao día”, afirmou. Ademais, lembrou que existen tubaxes de máis de 50 anos e depósitos principais que superan os 90 anos de antigüidade.
No rural, a situación é especialmente grave, “sete de cada dez núcleos do rural carecen de algún servizo” e “en torno ao 40% do rural non dispón nin de saneamento nin de abastecemento”. Para o grupo socialista, isto evidencia que o modelo actual está esgotado.
Abal sinalou dous bloqueos claros que levaron a Santiago a esta situación. En primeiro lugar, o Partido Popular, ao que acusou de practicar “unha política irresponsable e cínica”. “Canto peor lle vaia a Santiago, mellor para eles”, afirmou, lembrando que o PP bloqueou a concesión no ano 2022 e que agora recoñece que, de gobernar, “de xeito inmediato eles sacarían a concesión”. “Non foron razóns técnicas nin de interese xeral, foi simple e claramente por interese electoral”, asegurou, denunciando que o Partido Popular “está a xogar co sufrimento da xente e coa degradación dun servizo esencial”.

En segundo lugar, Abal dirixiu as súas críticas ao executivo local. Sostivo que o goberno de Goretti Sanmartín está “atrapado en liortas internas e cunha alcaldesa incapaz de liderar” e que a rexedora, “sabendo que a solución máis óptima a día de hoxe é a concesión, non dá o paso”, non por falta de informes, senón “por falta de autoridade política, por medo ao seu socio de goberno”.
Para a concelleira, Santiago está atrapado nun dobre bloqueo político, “mentes uns bloquean por intereses partidistas e outros dilatan por medo á división, quen paga son as veciñas e veciños de Santiago”, advertiu.

A concelleira insistiu en que o investimento necesario ronda os 100 millóns de euros, unha cifra inasumible para o Concello sen apoio externo. “O único informe que fai esta análise económica, xurídica e técnica apegada á realidade de Santiago é precisamente o informe que presentamos durante a lexislatura pasada e que conclúe concesión”, afirmou.
“Isto non vai de debates teóricos nin tampouco de dogmas ideolóxicos. Vai de ser prácticos, de actuar con sentido común e de dar unha solución realista axustada á realidade de Santiago”, sinalou.

Por iso, reclamou ao Partido Popular que “abandone os seus intereses partidistas e electoralistas” e á señora Sanmartín que “dea un golpe encima da mesa”, porque, segundo concluíu, “A única solución é concesión”.

Deja un comentario