Tuesday 03 de March de 2026

Tanxugueiras regresarán ao Coliseum o 17 de outubro para presentar o seu novo disco


O trío celebrará na Coruña os seus 10 anos de traxectoria con ‘O Cuarto’

Tras os seus históricos concertos na praia de Riazor, como cabezas de cartel do Festival Noroeste Estrella Galicia 2022, e no Coliseum para pechar en decembro de 2023 a xira de ‘O Diluvio’, Tanxugueiras regresarán á Coruña para presentar o seu novo traballo discográfico o 17 de outubro.

Aída Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro volverán a actuar no Coliseum para interpretar as cancións de ‘O Cuarto’, disco co que celebrarán os seus 10 anos de traxectoria. “A iniciativa da nosa alcaldesa, Inés Rey, por potenciar e dar maior visibilidade á cultura e a música galegas levounos a dar espazos de calidade a artistas do potencial de Tanxugueiras”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Segundo apunta a formación, este será un espectáculo “único, especial e cheo de enerxía, onde a emoción, a forza e a conexión co público converten cada concerto nunha experiencia inesquecible”. As entradas para este concerto poderán adquirirse en Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense a partir deste mércores, 4 de marzo, ás 12.00 horas.

De cara a este 2026, a programación musical do Coliseum conta xa con 26 eventos musicais anunciados, aos que hai que sumar os eventos deportivos xa confirmados do Básquet Coruña. As citas programadas son: Eladio Carrión (29 de xaneiro), Amaia (31 de xaneiro), Mikel Izal (7 de febreiro), Amaral (21 de febreiro), Hijos de la Ruina (17 de abril), Viva Suecia (18 de abril), OT (19 de abril), Rodrigo Cuevas (30 de abril), Dani Fernández (2 de maio), Iván Ferreiro (9 de maio), Dani Martín (15 e 16 de maio), Bad Gyal (23 de maio), Megadeth (27 de maio), La Reina del Flow (27 de xuño), Pablo Alborán (4 de xullo), Carlos Rivera (10 de xullo), Yandel Sinfónico (12 de xullo), Aitana (22 de xullo), La Oreja de Van Gogh (11 e 12 de setembro), Antonio Orozco (3 de outubro), Tanxugueiras (17 de outubro), Melendi (13 e 14 de novembro), Bryan Adams (16 de novembro), Raphael (21 de novembro), Hombres G (5 de decembro) e Carolina Durante (12 de decembro).

Deja un comentario