Tuesday 03 de March de 2026

Malestar en Ribeira polos apagamentos da iluminación público en distintas parroquias e zonas do centro urbano


O BNG reclama ao Goberno local unha resposta áxil ante as reiteradas caídas da iluminación pública en Ribeira e parroquias

O BNG de Ribeira quere poñer o foco na necesidade de mellorar a xestión e o seguimento da iluminación pública municipal despois das múltiples incidencias rexistradas ao longo deste inverno en diferentes parroquias e tamén en zonas do núcleo urbano.

Segundo informa o concelleiro Xabier Vidal, nos últimos meses, foron numerosas as comunicacións que recibiron de veciñas e veciños alertando de rúas que permanecen sen iluminación durante períodos prolongados, ás veces varios días, sen que se produza unha intervención rápida para restablecer o servizo. Esta situación xera preocupación lóxica, especialmente en momentos nos que existe unha maior sensación de inseguridade e cando as horas de escuridade son máis longas.

Segundo estas queixas, non se trata de incidencias puntuais e de curta duración, senón de apagóns que, en ocasións, manteñen zonas completamente ás escuras durante varios días sen que o servizo se restableza nun prazo razoable. “Podemos enumerar casos en Oleiros, Carreira, Palmeira ou Aguiño pero tamén barrios céntricos enteiros como Avesadas ou Deán e rúas como Avda de Ferrol, Avda da Coruña, rúa de Galiza, etc., por só citar algún exemplos” detallou Vidal. Esta situación está a provocar intranquilidade entre a poboación e incrementa os riscos tanto para a seguridade viaria como para a seguridade cidadá. Neste intre, Ribeira está a sufrir unha vaga de roubos que preocupa á veciñanza e a comerciantes, neste contexto, o correcto funcionamento da iluminación pública resulta fundamental. Esta necesidade é extensiva a todo o termo municipal, nomeadamente ás parroquias, pero resulta especialmente necesario no centro urbano, onde se concentra unha parte importante dos negocios.

Para o edil nacionalista é “entendible” que as incidencias poidan producirse mais “debe haber capacidade de dar resposta e actuar coa rapidez suficiente xa que o mantemento do alumeado público é un servizo básico que debe funcionar con normalidade” e que, cando se produce unha avaría, debe existir un protocolo de actuación eficaz que permita a súa reparación no menor tempo posible. Non se pode normalizar que haxa apagamentos constantes.

Non se trata de facer confrontación, senón de dar resposta a unha demanda que moitos vecinos e veciñas nos trasladaron. O noso labor como grupo municipal é escoitar, recoller estas preocupacións e trasladalas ao Goberno local para que adopte as medidas oportunas e mellore os mecanismos de revisión, mantemento e reparación da iluminación pública pero tamén vemos como o goberno non atendeu debidamente este servizo descoidándoo até o punto de que non se resolven as incidencias en tempo e forma. Por iso, instamos ao executivo municipal a reforzar os servizos de mantemento, a revisar o estado das instalacións e a dar resposta ante incidencias, co obxectivo de garantir que Ribeira conte cun bo servizo de iluminación.

Finalmente, Xabier Vidal puxo en valor a importancia de “actuar con previsión evitaría que se repitan apagamentos prolongados. Estamos convencidos de que, con organización e prioridade política, é posible garantir un servizo de iluminación eficaz en todas as parroquias e no centro urbano”. No BNG seguimos traballando para que Ribeira funcione mellor. Se hai un problema, propoñemos solucións e tendemos a man para mellorar a situación” concluíu.

Deja un comentario