Tuesday 03 de March de 2026

Neda contará con todo un mes de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller


O acto institucional, coa proxección do audiovisual “Abrindo camiños de igualdade”, terá lugar este venres

O Concello de Neda vén de presentar a súa programación especial con motivo do 8M. Unha oferta ampla e variada, con propostas para distintos públicos, que arrincará este venres, día 6, na Casa da Cultura, a partir das 20 horas, coa iniciativa “Abrindo camiños de igualdade”, un acto institucional que porá o foco nas historias de distintas mulleres traballadoras da vila.

O evento xirará ao redor dunha breve peza audiovisual, a través da que, dende a perspectiva da igualdade, cinco mulleres compartirán pequenos fragmentos da súa traxectoria persoal e profesional. Ao longo destes días previos, nas redes sociais municipais estanse a desvelar, a través de mini vídeos, quen son ás protagonistas.

Con todo, a programación vai moito máis aló. O Concello, que vén de adherirse ás declaracións institucionais da FEMP e da FEGAMP con motivo do 8M, deseñou unha ambiciosa programación cunha ducia de propostas repartidas ao longo de todo o mes.

Así, o xoves 12, terá lugar na Casa das palmeiras a charla-coloquio coa matrona do centro de saúde local que leva por título “A muller nas diferentes etapas da vida. Benditas hormonas”. No marco da programación cultural, incluirase o día 13 na biblioteca a presentación literaria da obra Aquellos hilos rotos, de Tania Sabín; e o 20, na Casa da Cultura, a estrea do espectáculo musical “Unha señora orquestra” de Ailén Kendelman.

No eido educativo, os coles públicos recibirán a visita, na terceira edición de “Rompendo moldes”, de novas veciñas de Neda que optaron por profesións “masculinizadas”. Volverán ademais os obradoiros de micromachismos e estereotipos ao CEIP de Maciñeira, CEIP San Isidro e IES Fernando Esquío. E o instituto acollerá ademais un escape room temático para alumnado dun dos seus cursos.

Completan a programación especial, na que Non faltará a iluminación conmemorativa da Casa Consistorial, a xa clásica andaina “Avanzando en igualdade” (día 21) e a Xuntanza de mulleres de Neda, prevista para o 29 de marzo.

Deja un comentario