Tuesday 03 de March de 2026

A Xunta destina 430.000€ para que catro salas escénicas galegas conten por vez primeira cun apoio continuado durante dous anos


— Sala Ártika, con 150.000 euros, Teatro Ensalle, con 149.000, Teatro del Andamio, con 76.600 e Sala Gurugú con 54.300 euros son as adxudicatarias desta liña de subvencións

— Nesta edición, a convocatoria muda a formulación co fin de reforzar a estabilidade e a planificación a medio prazo deste tipo de espazos

— A resolución abre o ciclo anual de concesión de axudas ás industrias culturais dos ámbitos audiovisual, escénico e musical

A Xunta de Galicia acaba de resolver a nova convocatoria bienal de apoio a salas de artes escénicas privadas para 2026-2027 cun investimento total de 430.000 euros destinado a reforzar a estabilidade e a planificación a medio prazo das programacións destes espazos. Sala Ártika, Teatro Ensalle, Teatro del Andamio e Sala Gurugú son as adxudicatarias desta liña de subvencións que, por primeira vez, se formula para permitir a cobertura continuada durante dous anos de conceptos como a contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autoría, persoal ou accións de comunicación e publicidade.

A publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución supón ademais o inicio do ciclo anual de concesións de axudas xestionadas pola pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e destinadas aos ámbitos audiovisual, escénico e musical.

Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, estas subvencións diríxense ao funcionamento de pequenos espazos de exhibición escénica de titularidade privada. O seu obxectivo é contribuír tamén a aumentar as opcións de contratación das compañías galegas e a consolidar a creación de públicos ao tempo que reforza a Rede Galega de Salas, un dos circuítos de artes escénicas promovidos pola Xunta para a dinamización cultural e a vertebración da oferta de espectáculos en Galicia que, ao longo do pasado ano 2025, sumou 157 funcións a través deste programa.

Distribución de contías
En Vigo, Sala Ártika recibe 150.000 euros no conxunto do bienio para a súa ampla programación multidisciplinar destinada a todos os públicos; en tanto que, tamén na cidade olívica, Teatro Ensalle, máis centrada nos novos formatos e linguaxes escénicas, obtén 149.000 euros para o mesmo período.

Pola súa banda, na cidade da Coruña, as carteleiras dirixidas sobre todo a público infantil e familiar de Teatro del Andamio e Sala Gurugú (esta última con predominancia de teatro de monicreques na súa carteleira) contan con achegas de 76.600 e 54.300 euros, respectivamente, completando así o investimento global asignado polo Goberno galego a esta convocatoria.

Este apoio público reforza a continuidade da actividade destes espazos recoñecidos polo seu labor na creación de públicos e pola súa capacidade para favorecer a exhibición de propostas diversas, incluídas as compañías galegas de recente creación e as que exploran linguaxes máis contemporáneas ou orientadas a públicos específicos como o familiar.

Máis liñas de apoio ás artes escénicas galegas
O Goberno galego complementou esta convocatoria con outras liñas de axuda ao sector escénico, como a destinada á creación de novos espectáculos de teatro, danza, circo e maxia, cun investimento de 870.000 euros; a dirixida a festivais profesionais deste ámbito, publicada este ano cunha dotación de 290.000 euros, ou a dunha nova edición do programa Cultura no Camiño, con 250.000 euros para o fomento de actuacións durante o verán nos concellos polos que discorren as distintas rutas xacobeas.

A convocatoria de creación escénica mantén a dotación económica de 2025, exercicio no que se rexistrou un incremento do 8,7% respecto a 2024 para reforzar especialmente os proxectos plurianuais de compañías con maior traxectoria. Continúa, ademais, coa reserva de 300.000 euros para apoiar proxectos plurianuais de ata tres compañías.

Deja un comentario