Friday 22 de November de 2024

O conselleiro de Política Social reitera a importancia do envellecemento activo durante a clausura do XXVIII Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría


O encontro de carácter científico e profesional serviu para compartir coñecementos e para explorar sinerxías con respecto ás melloras da calidade de vida das persoas maiores

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou na clausura do XXVIII Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, celebrado esta fin de semana na Deputación Provincial de Lugo. No acto estivo acompañado pola directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro.

Este encontro científico e profesional serviu para compartir coñecementos, explorar sinerxías con respecto ás melloras da calidade de vida das persoas maiores e para avanzar na posibilidade do establecemento dun marco de traballo máis coordinado e eficiente entre administracións públicas e institucións privadas.

O congreso contou coa participación de doutores, psicólogos, traballadores sociais e enfermeiros entre outras profesións que teñen un contacto directo coas persoas maiores. Estes profesionais, procedentes de diversos puntos de España, Portugal e Bélxica, ofreceron relatorios sobre “Xeriatría hospitalaria e atención primaria para o adulto maior”, “Modelos de atención integral en persoas maiores”, “Presente e futuro dos recursos sociais para a atención a maiores” ou “Psiquiatría, envellecemento e institucionalización: a integración a través da educación”, entre outras temáticas do eido.

José Manuel Rey Varela afirmou durante a clausura do congreso que “para a Xunta de Galicia a promoción dun envellecemento activo é fundamental. Galicia ten unha poboación envellecida polo que temos que erradicar a caída da natalidade e promocionar un envellecemento saudable, activo e reconfortante”. Por elo, a administración autonómica conta coa Estratexia Galega de Envellecemento Activo dende a Innovación 2016-2020 para evitar situacións de dependencia non desexadas a través da prevención.

Esta Estratexia xurde coa vontade de dar resposta ao incremento da esperanza de vida media na nosa Comunidade Autónoma, que é unha das máis elevadas de toda España situándose en 86 anos fronte a 82 da media nacional. Ademais, este marco de actuación reforza o compromiso co envellecemento activo e o benestar tanto dos maiores como das persoas con discapacidade, dous colectivos prioritarios para o Goberno galego. Neste sentido, os catro eixes en que se fundamenta a Estratexia son o emprego; a participación na sociedade; a vida independente, activa e segura; e a non discriminación e a igualdade de oportunidades.

En definitiva, “trátase de que Galicia se sitúe á cabeza das Comunidades en envellecemento activo e saudable”, asegurou Rey Varela; e para iso a Estratexia tamén fixa metas en terapia e formación. A Estratexia de Envellecemento Activo dende a Innovación 2016-2020 contou coa intervención das administracións públicas, universidade, tecido empresarial, colectivos profesionais, asociacións e cidadanía en xeral.

Así as cousas, Rey Varela manifestou que a atención ás persoas maiores é unha das prioridades para a Xunta de Galicia -un obxectivo compartido coa filosofía deste Congreso Internacional-, e que durante este ano 2016 a Consellería de Política Social seguirá a traballar na mellora da calidade de vida deste colectivo. “Continuaremos reforzando a aposta do Goberno galego polo benestar dos maiores e as súas familias, insistindo en cuestións como o fomento de hábitos de vida saudables, a prevención da dependencia e a promoción da autonomía persoal, ademais por suposto, do envellecemento activo”, apuntou o conselleiro.

O titular da carteira autonómica agradeceu á Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía a celebración deste congreso “porque permite xuntar forzas entres a administración e os profesionais do campo; e debater e compartir coñecementos sobre o benestar dos nosos maiores”.