O acto celebrarase o venres 6 de marzo ás 18.00h na Casa da Cultura e servirá como homenaxe ás mulleres que participaron no proxecto
O Concello de Fene tamén pendurará unha faixa elaborada polas mulleres do gancho, que volven sumarse á conmemoración tecendo mensaxes de igualdade
O Concello de Fene sitúa a presentación do proxecto e documental “Mulleres da Reconversión”, impulsado pola Deputación da Coruña, como eixo central da programación do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. O acto terá lugar o venres 6 de marzo, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura, e converterase nun espazo de recoñecemento público ás mulleres que participaron nesta iniciativa de recuperación da memoria colectiva.
A presentación contará coa presenza das protagonistas do proxecto, así como da deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra; do director do proxecto, Iago Varela; da presidenta de Navantia, Carla Chawla; e da alcaldesa de Fene, Sandra Permuy.
O acto servirá para visibilizar e homenaxear ás mulleres que viviron en primeira persoa o proceso de reconversión industrial, poñendo en valor o seu papel, moitas veces silenciado, nun momento clave da historia social e económica do concello.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “este 8M queremos facer un exercicio de memoria e de xustiza, recoñecendo o papel imprescindible das mulleres na nosa historia recente”. A rexedora subliñou que “Mulleres da Reconversión é un proxecto que nos permite escoitar, aprender e agradecer, situando no centro ás protagonistas dun tempo complexo que marcou fondamente a vida de Fene”.
Permuy engadiu que “non hai igualdade real sen memoria, e non hai memoria completa se non incorporamos a voz das mulleres. Este acto é unha homenaxe colectiva e tamén un compromiso co presente e co futuro”.
Dentro da programación do 8M, o Concello tamén pendurará na fachada da Casa do Concello unha faixa elaborada polas mulleres do gancho, que un ano máis se suman á conmemoración tecendo mensaxes de igualdade. Esta iniciativa simboliza o compromiso colectivo coa defensa dos dereitos das mulleres e coa construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Desde o Concello de Fene convídase á veciñanza a participar neste acto de recoñecemento e reflexión compartida, que reforza o compromiso municipal coa igualdade e coa posta en valor da memoria das mulleres do municipio.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.