Monday 02 de March de 2026

O alcalde presenta o orzamento máis alto da historia do concello, cun forte impulso ao investimento, reforzo da programación municipal e protección de servizos públicos


As contas, que serán elevadas ao Pleno o 11 de marzo, alcanzarán os 11.910.000 de euros, un 9,47 % máis que no ano anterior.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente da Comisión Informativa de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas, Manuel García Montes, presentaron hoxe o proxecto de Orzamentos Xerais do Concello para o ano 2026 que se prevé elevar ao Pleno nunha sesión extraordinaria que será convocada para o mércores da próxima semana, día 11 de marzo.

As contas municipais para 2026, equilibradas en gastos e ingresos, ascenden a 11.910.000 euros, o que supón un incremento de 1.030.000 euros respecto ao exercicio anterior, é dicir, un 9,47 % máis. Trátase do orzamento máis alto da historia do Concello da Laracha, consolidando unha senda de crecemento sostido baseada na prudencia, a estabilidade financeira e a responsabilidade na xestión dos recursos públicos por parte do Goberno Local.

O alcalde explicou que a presentación das contas se viu retrasada pola falta de datos imprescindibles para pechar as previsións, especialmente pola ausencia de Orzamentos Xerais do Estado e pola pendente resolución da participación municipal en programas doutras administracións. Unha vez recollida esa información, elaborouse un proxecto de orzamentos “realista, rigoroso e adaptado á realidade da Laracha”.

Desde o punto de vista dos ingresos, o incremento vén motivado principalmente polas maiores previsións derivadas de proxectos industriais xa presentados no municipio e aínda pendentes de liquidar o imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO); pola citada participación en programas convocados e financiados por outras administracións e polo obrigado aumento da taxa de recollida de residuos sólidos urbanos imposto polo Goberno Central. O resto de tributos e taxas municipais permanecen conxelados, reafirmando o compromiso do executivo local coa moderación fiscal.

No estado de gastos, o rexedor municipal fixo un percorrido explicativo por toda a estrutura orzamentaria. Así, explicou que o Capítulo 1 (Persoal) ascende a 2.790.050 euros (23,43 % do total). Inclúe o incremento do 1,5 % das retribucións que se está aplicando desde o pasado mes de xaneiro e recolle por primeira vez a consignación específica destinada á carreira profesional do funcionariado municipal.
O Capítulo 2 (Bens correntes e servizos), con 7.233.655,23 euros (60,74 % do orzamento), mantense como o de maior peso ao concentrar todo o gasto corrente necesario para garantir o funcionamento ordinario dos servizos municipais: mantemento de infraestruturas, subministracións, contratos de prestación de servizos, custes enerxéticos, limpezas viarias e de edificios, recollida de residuos e funcionamento do punto limpo, etc. A súa relevancia evidencia o esforzo por preservar a calidade dunha ampla cobertura de servizos públicos esenciais para a veciñanza.

O Capítulo 4 (transferencias correntes) experimenta un dos maiores incrementos, ata situarse en 727.810 euros (6,11 %), reforzando as axudas de emerxencia social, as subvencións a entidades culturais, educativas e deportivas e as achegas ás Comisións de Festas. A partida destinada ás bolsas de estudos elévase ata os 80.000 euros, nun claro compromiso co apoio ás familias e aos estudantes.
No ámbito da promoción económica, o Concello continuará apostando pola organización de programas de formativos como por exemplo o obradoiro de emprego e o programa integrado de emprego, considerados ferramentas chave para mellorar a inserción laboral da poboación en situación de desemprego e dinamizar o tecido produtivo local.

Especial relevancia cobra o Capítulo 6 (Investimentos reais), que supera o millón de euros —1.006.848,77 euros, o 8,45 % do total—, reflectindo o importante esforzo investidor que caracteriza a estes orzamentos. Entre as actuacións previstas inclúense a achega municipal para a construción do novo aparcamento do CEIP Otero Pedrayo, a humanización da Avenida López Astray do núcleo urbano da Laracha, a expropiación dos terreos afectados polo Plan Especial do Igrexario de Lestón e o seu proxecto de urbanización, a posta en valor das Torres de Cillobre e do menhir de Erboedo como elementos patrimoniais, a renovación da cuberta da piscina municipal, a renovación de parques infantís, melloras nas redes de saneamento e abastecemento, as obras de rehabilitación integral da reitoral de Montemaior, do centro social da Insua en Caión e da Casa do Concello e do seu entorno, e, entre outros investimentos, a adquisición dun novo vehículo para a Policía Local, mobiliario, contedores de recollida selectiva e equipamento informático e creación de aplicacións.
Complétase o estado de gastos co Capítulo 9 (Pasivos financeiros), destinado á amortización da débeda, cunha consignación de 127.000 euros.

O alcalde, José Manuel López Varela, subliñou que se trata dun orzamento elaborado con cautela nun contexto económico complexo e marcado polo incremento xeneralizado de prezos, pero que, malia iso, consegue incrementar os recursos dispoñibles para reforzar a prestación de servizos e aumentar os investimentos.

As contas poñen de manifesto que o Concello presenta unha situación económica saneada, cun equilibrio rigoroso entre ingresos e gastos e capacidade para seguir avanzando. Neste sentido, salientouse que son uns orzamentos vivos, coa previsión de incorporar ao longo do exercicio os remanentes de tesouraría para levar a cabo novas actuacións de investimento financeiramente sostibles.

En definitiva, o proxecto orzamentario para 2026 atende á realidade actual da Laracha, dá resposta ás necesidades da veciñanza e reafirma a vontade do Goberno local de manter e mellorar a calidade dos servizos e das infraestruturas municipais, combinando compromiso social, dinamización económica, ampla oferta de actividades e sustentabilidade financeira.

Deja un comentario