A portavoz do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos aprobados esta mañá en Xunta de Goberno. Confirmou a reactivación do prazo de presentación de ofertas no concurso para a prestación do servizo de transporte urbano, que reabre mañá e amplía ata o mércores 18.
O Goberno local aprobou a adxudicación a Eptisa Servicios de Ingeniería SL do servizo de asesoramento e apoio para a selección e preparación da licitación da xestión das instalacións deportivas do Concello de Santiago, por un importe de 51.780,33 € IVE incluído.
A portavoz do goberno local precisou que a empresa adxudicataria terá que fornecer o soporte necesario para establecer unha nova gobernanza nos complexos de Santa Isabel, Multiusos e Sar e Santa Marta, este último de futura construción.
“Deberá elaborar os estudos de demanda e viabilidade económica e os documentos que requira o proceso, tanto se se opta pola concesión a unha empresa privada como a unha sociedade de economía mixta”, explicou Míriam Louzao.
O traballo da empresa deberá deseñar o modelo de negocio e valorar a posibilidade dunha fórmula de colaboración público-privada ou da concesión a unha entidade privada. Terá que formular asemade a proposta de investimentos e do sistema para financialos.
A voceira municipal incidiu en que a proposta terase que incluír a construción dunha nova infraestrutura deportiva en Santa Marta.
O contrato terá unha duración estimada de cinco meses. Tres para a entrega do estudo de mercado (que terá que estar listo en 45 días) e de viabilidade económico-financeira. E dous meses máis para o asesoramento ao Concello durante o proceso de licitación posterior da xestión destes espazos deportivos.
Prevese ademais unha terceira fase que só se executaría no caso de que se opte pola creación dunha sociedade de economía mixta. Nese caso, esta fase tería unha duración de oito meses.
Reapertura do prazo de ofertas para o transporte urbano
Como xa adiantaran a alcaldesa e o concelleiro de Mobilidade en rolda de prensa o pasado venres, a Xunta de Goberno tomou o acordo de levantar a suspensión do prazo para presentar ofertas no procedemento de licitación do contrato mixto do servizo e obras para o transporte colectivo urbano e amplialo ata as 23.59 horas do día 18 de marzo.
“No momento en que se suspendeu este prazo quedaban 8 días para a presentación de ofertas e a o órgano de contratación, a Xunta de Goberno, co fin de favorecer no máximo posible a concorrencia, decide agora ampliar noutros tantos este prazo”, lembrou Míriam Louzao.
A decisión de suspender esta fase do procedemento tomouse no momento en que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL) admitiu a trámite cinco recursos formulados contra a licitación e suspendeu a adxudicación ata tanto non se resolvesen. Unha vez resoltos estes recursos, o Concello reactiva o proceso. O prazo reabrirase mañá, martes 3 de marzo, coa publicación no Diario da Unión Europea e na Plataforma de contratos do sector público.
Rexeneración do pavimento da Vía Edison
A Xunta de Goberno autorizou tamén o anteproxecto para a rexeneración do pavimento na vía Edison coa fin de presentalo á convocatoria de axudas para a mellora dos parques empresariais convocada pola Xunta de Galicia e dirixida a entidades locais.
Míriam Louzao detallou que esta convocatoria está dotada con 3.448.437,80 euros, que o máximo por proxecto son 120.000 euros cun límite do 80% do importe subvencionable, e que a obra que se propón ten un orzamento de 48.056,00 euros (IVE incluído).
Así mesmo, aprobouse a certificación final das obras do paso peonil da rúa dos Loureiros, executadas pola empresa 2000 Joscón Construcciones SL., unha obra incluída no plan de accesibilidade que “transformou a zona para convertela case nunha nova praciña da Cidade Histórica”, valorou a concelleira.
Outros asuntos
Tamén se aprobaron as xustificacións presentadas polas entidades asociativas veciñais dentro da convocatoria de subvencións a programas e actividades de interese xeral realizadas durante o exercicio 2025.
O monto total das axudas concedidas foi de 96.723,20 euros. Unha vez presentada a documentación xustificativa por parte de 33 entidades, o importe total das subvencións xustificadas é de 75.127,85 euros.
A Xunta de Goberno aprobou licenzas de obra maior para a ampliación de cuartos do Colexio Maior Xelmírez, a construción dunha vivenda unifamiliar na rúa do Vencello, e para a instalación dun ascensor e melloras de accesibilidade dun edifico da rúa República de El Salvador.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.