● A medida, recollida no Plan de Igualdade municipal, busca recoñecer a figura destas artesás e feminizar o rueiro con referentes femininos.
● Á vez, o Concello cumpre a Lei de Memoria Histórica eliminando o nome do xeneral Ambrosio Feijoo.
● O cambio farase efectivo nun Pleno extraordinario que se celebrará o 1 de abril no propio recinto da XXXV Mostra do Encaixe, xunto ás grandes protagonistas do noso patrimonio.
O Concello de Camariñas anunciou hoxe unha das accións máis destacadas e simbólicas da súa programación co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, que este ano leva por lema “Somos as mulleres que construímos Camariñas”: o cambio de nomenclatura da actual Rúa Ambrosio Feijoo, que pasará a chamarse de xeito oficial Rúa das Palilleiras.
Con esta decisión, o goberno local dá cumprimento a un dobre obxectivo. Por unha banda, aplícase a Lei de Memoria Histórica, eliminando o nome do xeneral Ambrosio Feijoo do rueiro municipal. Por outra, e de xeito fundamental, ponse en valor a figura, o esforzo e a arte das palilleiras de antes, de agora e das futuras xeracións.
Esta iniciativa responde ademais a unha das medidas recollidas especificamente no Plan de Igualdade do Concello, que establece a necesidade de dar visibilidade ás mulleres nos espazos públicos e darlle ás rúas nomes de figuras femininas que sirvan como referentes para toda a sociedade. As palilleiras, motor económico e cultural histórico da vila, representan á perfección ese espírito de construción da comunidade.
Un Pleno histórico no corazón da Mostra
Para darlle a relevancia que merece, o cambio de nome aprobarase de forma definitiva nun pleno extraordinario e especial que terá lugar o vindeiro mércores, 1 de abril. A data coincide co día da inauguración da trixésimo quinta (XXXV) edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.
A sesión plenaria non se celebrará na Casa do Concello, senón que se trasladará ao propio recinto da Mostra. Deste xeito, a corporación municipal tomará este acordo histórico e emotivo rodeada das palilleiras, que como cada Semana Santa, son as verdadeiras protagonistas do evento e do orgullo camariñán.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, subliña que “este acto é un exercicio de xustiza e gratitude cara a un colectivo de mulleres que, cos seus bolillos e o seu talento, teceron a identidade e o futuro de Camariñas”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.