• A partir do xoves, 5 de marzo, e ata o sábado, día 7, haberá actividades, obradoiros e andainas.
O Concello de Paderne conmemorará o Día Internacional da Muller, 8 de marzo, cunha programación de actividades que pon no centro a loita pola igualdade. O xoves, 5 de marzo, comezará a planificación cunha sesión de coeducación, e rematará o sábado, día 7, coa lectura do manifesto e cunha andaina.
Este xoves, 5 de marzo, ás 11:30 horas o baixo da Casa do Concello acollerá ao alumnado das Escolas Unitarias municipais para levar a cabo unha palestra de coeducación. O obxectivo é concienciar sobre a importancia da igualdade ás xeracións máis novas a través de xogos e dinámicas que favorezan a súa comprensión.
O venres, 6 de marzo, o SERGAS organiza o obradoiro “Muller e Saúde” para promover o benestar físico e emocional das mulleres. Estará impartido por unha profesional da saúde, quen ensinará os trucos necesarios para practicar hábitos saudables e prever as enfermidades.
O taller desenvolverase no baixo da Casa do Concello en horario de 16:30 a 20:30 horas. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente no Concello ou a través da páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns (https://escolasaude.sergas.es). Ao remate do obradoiro, as asistentes recibirán unha acreditación emitida polo Servizo Galego de Saúde.
O sábado, 7 de marzo, a partir das 17:00 horas comezarán as derradeiras accións da programación deste ano. O punto de partida da xornada será a lectura do manifesto do 8M no baixo da Casa do Concello. Posteriormente, as persoas asistentes botarán a andar ata a parroquia de Velouzás para facer os 3,5 quilómetros de percorrido da camiñada a favor da igualdade. Para endulzar o final da programación do 8M, servirase un chocolate no Vimieiro a todos os participantes.
A andaina poderá ser suspendida en función da previsión meteorolóxica, e para asistir é preciso inscribirse antes do 4 de marzo chamando ao 981 79 70 01.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.