— O especial sobre Béla Tarr e László Krasznahorkai conclúe con ‘El hombre de Londres’ e coa proxección de ‘Sátántangó’ repartida en tres sesións
— Participarán en diferentes presentacións e coloquios Lucía Salas, Ángeles Huerta, Adriana Páramo, Elena Duque, Paco Oti, Eduardo Alonso e José Antonio Jiménez
— Off Galicia, Filmoteca Júnior e Materiais para unha historia do cine en Galicia completan a carteleira con novas propostas para público familiar
A Filmoteca de Galicia programa en marzo unha carteleira marcada polo inicio dun ciclo dedicado ao cineasta alemán Rainer Werner Fassbinder, que se prolongará ata maio, e pola celebración dunha nova edición de Olladas de muller en colaboración co Consello da Cultura Galega. Ao tempo, a Sala José Sellier acolle o peche do especial Béla Tarr / László Krasznahorkai, tres miniciclos de dúas sesións con presentacións e coloquios e novas propostas de Fóra de serie, Off Galicia, Filmoteca Júnior e Materiais para unha historia do cine en Galicia.
A partir do 17 de marzo, a cinemateca da Xunta inicia Rainer Werner Fassbinder (I) cun primeiro bloque de proxeccións con versións restauradas que abre o ciclo sobre o realizador xermano, un dos principais representantes do Novo Cinema Alemán dos anos sesenta e setenta. Falecido prematuramente aos 37 anos, Fassbinder (1945-1982), é autor dunha inxente obra cinematográfica e televisiva, ademais de teatral e literaria, desenvolvida ao longo de só 16 anos. Nesta primeira aproximación á súa produción, poderán verse títulos como El amor es más frío que la muerte (días 17 e 18), Katzelmacher (días 20 e 24), El soldado americano (días 25 e 26) e El dios de la peste (día 31 e 1 de abril), ademais das curtas El vagabundo e El pequeño caos, que acompañan as dúas primeiras sesións.
Olladas de muller e Emigrantas
Como xa vén sendo tradicional, a programación de marzo acolle unha nova edición de Olladas de muller, que nesta ocasión incorpora varias sesións vinculadas á exposición Emigrantas. Emerxer do silencio, con presentacións en diferentes pases e presenza de creadoras, ademais da habitual selección de obras dirixidas por realizadoras galegas e portuguesas que se leva a cabo en colaboración co Consello da Cultura Galega. Entre as sesións con coloquio figuran os programas de curtas do ciclo Emigrantas (días 10, 11 e 13) e as proxeccións de A cicatriz branca, de Margarita Ledo (día 12) e As estacións, de Maureen Fazendeiro (días 13 e 14).
Dentro da selección de Olladas de muller, que cada ano se celebra arredor do 8 de marzo para conmemorar o Día Internacional da Muller, inclúese tamén a longametraxe Antes de nós (día 10), presentada por Ángeles Huerta (un dos títulos con maior número de candidaturas aos Premios Mestre Mateo deste ano) e Grelei raíces no teu lar (día 12), coa presenza de Adriana Páramo.
Tres novos ciclos con presentación e coloquio
Luz no escuro: María Luisa Bemberg e Eva Landek en compañía propón dúas sesións os días 4 e 5, presentadas pola crítica e programadora arxentina Lucía Salas, que establece un diálogo entre os primeiros traballos destas dúas cineastas arxentinas e outras pezas coetáneas. Entre as conexións do programa figuran, así mesmo, curtas de Josefina Molina e Cecilia Bartolomé, nunha mirada que contrapón traxectorias e modos de filmar desde unha mesma época.
O cine e o teatro en Galicia: a presenza de Tespis (unha aproximación) chega nas vésperas do Día Internacional do Teatro. Así, o martes 24 e o mércores 25 a Sala José Sellier acolle a proposta de Paco Oti arredor do grupo teatral coruñés Tespis e, por extensión, do Teatro Estudio de Ferrol, recuperando títulos nos que participaron intérpretes vencellados a estes ámbitos. As dúas citas contarán con presentación e coloquio: o día 24 con Paco Oti e Eduardo Alonso, e o día 25 con Paco Oti e José Antonio Jiménez.
A sección Desencadres dedícalle dúas sesións a Elena Duque en colaboración coa Mostra Internacional de Cinema Periférico, cun formato que combina reflexión e exhibición. O día 27, Duque ofrece unha conferencia e carta branca na que comparte a súa visión da animación experimental e proxecta obras doutras autorías; en tanto que o día 28, a Filmoteca ten programada unha selección dos seus traballos que culmina cunha performance, cunha presentación e coloquio a cargo da artista que contará con Ángel Rueda como moderador.
Peche de Béla Tarr / Krasznahorkai con Sátántangó
O ciclo dedicado ás colaboracións entre Béla Tarr e László Krasznahorkai chega ao seu remate en marzo con El hombre de Londres (día 3), adaptación da novela de Georges Simenon, e coa proxección de Sátántangó, a obra máis coñecida e reverenciada do tándem. Esta fita monumental de máis de sete horas poderá verse repartida en tres sesións (días 6 e 7), nunha proposta que reúne algunhas das marcas de estilo máis recoñecibles do cineasta: longos planos secuencia, cámara en movemento pausado e unha atmosfera de intensa carga existencial.
Pola súa banda, o apartado Fóra de serie propón este mes un xogo de espellos entre Godard, Benning, Linklater e Curtiz a partir das dúas últimas películas de Richard Linklater. A Filmoteca proxecta Al final de la escapada (días 3 e 4) como peza de referencia para Nouvelle Vague (días 17 e 18), centrada na reconstrución da rodaxe da ópera prima de Godard, e completa o diálogo con Breathless (día 5), o filme experimental de James Benning que toma o título americano do clásico como homenaxe e contrapunto. O percorrido continúa con Blue Moon (días 26 e 31), que dá paso a Casablanca (1 de abril), citada en varias ocasións no propio filme de Linklater.
A programación da Filmoteca de Galicia para o mes de marzo complétase cun pase de Materiais para unha historia do cine en Galicia, que recupera nesta ocasión a peza Porriño en Buenos Aires, realizada por Eligio González en 1942 (día 11), e con Off Galicia, que proxecta O camiño de Cova Eirós, de Xosé González Varela (día 20). Para público familiar, Filmoteca Júnior ofrece Ernest & Celestine, cuentos de primavera (día 21).



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.