Créanse as categorías de Arquitectura, Rehabilitación, Traxectoria Profesional e Sustentabilidade
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heribrto García, presentou en rolda de prensa os primeiros galardóns de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia, convidando aos cidadáns a presentar candidaturas. Estes galardóns teñen por obxectivo poñer en valor o traballo dos profesionais e subliñar o papel de Galicia como referencia en rehabilitación.
Ethel Vázquez subliñou que Galicia foi a primeira comunidade en declarar un área de rehabilitación integral, tamén é, actualmente, a comunidade que conta cun maior número de áreas de rehabilitación declaradas, 68 en total, entre elas, a ARI dos Camiños de Santiago, un caso único de rehabilitación que engloba 107 concellos e case 500 parroquias galegas.
A responsable de Vivenda do Executivo autonómico remarcou que unha mostra de que se segue na mesma liña de traballo é a creación destes galardóns de Arquitectura e Rehabilitación, cos que, dixo, “se pretende recoñecer a todos aqueles profesionais que, co seu traballo do día a día, tanto teñen contribuído á conservación e á posta en valor do rico patrimonio arquitectónico da nosa terra”. “Con estes galardóns a Xunta quere premiar os mellores traballos realizados nos últimos anos en Galicia en materia de Arquitectura e Rehabilitación; e tamén recoñecer a traxectoria profesional dun arquitecto destacado”, abondou Vázquez Mourelle.
Distintas categorías
Nestes premios existen distintas categorías: o Premio Galego de Arquitectura, que se outorgará aos proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación que teñan suficiente entidade propia para poder ser valoradas de forma independente á construción orixinal; e o Premio Galego de Rehabilitación, que distingue proxectos de rehabilitación que teñan que ver con intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente. Estes serán os dous recoñecementos principais, dotados economicamente con 6.000 € cada un deles.
Tamén defínense dúas categorías de premios especiais,cunha dotación económica de 4.000 €, como son o da Sustentabilidade, que recoñece as iniciativas que promovan unha arquitectura responsable e comprometida co medio ambiente, en consonancia co Horizonte Europa 2020, a estratexia europea de crecemento que se basea na potenciación dunha economía intelixente, sustentable e integradora; e á Traxectoria Profesional, que enxalzará o traballo meritorio dun arquitecto galego e a súa especial contribución á arquitectura do noso territorio.
Ademais destes galardóns, as bases da convocatoria tamén contemplan que o xurado poderá outorgar Mencións entre as iniciativas que non foron premiadas pero que consideran merecentes dun recoñecemento singular.
A esta convocatoria poderán presentarse todos aqueles proxectos arquitectónicos de edificacións no territorio galego que foran finalizados entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 31 de decembro de 2015.
Candidaturas
Para concorrer aos Premios de Arquitectura e Rehabilitación ou ao Premio Especial á Sustentabilidade poderanse presentar candidaturas nun prazo de 40 días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, é dicir, desde hoxe mesmo.
As propostas para o outorgamento do galardón á Traxectoria Profesional presentaranse no seo do propio xurado dos premios e virán avaladas pola correspondente xustificación e a presentación de candidaturas corresponderálles as entidades con representación no xurado, que poderán achegalas unicamente por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.es).
A pesar de ser as entidades presentes no xurado quen debe propoñer candidaturas, o IGVS habilitou unha Caixa de Suxestións, unha conta de correo electrónico premios-arquitectura.igvs@xunta.es para que calquera persoa poida remitir as súas propostas e o Instituto, como entidade do xurado, poida telas en conta.
A conselleira de Infraestruturas subliñou que “na Xunta queremos que estes sexan uns premios participativos, que todas as persoas que o desexen nos trasladen as súas propostas e opinións sobre qué traballo ou proxecto cren que é merecedor dalgún destes galardóns, e por iso habilitamos esta caixa de suxestións”. Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas os proxectos propostos poderanse visualizar no enlace habilitado na páxina web do IGVS. Tras o fallo do xurado, daranse a coñecer os traballos premiados e farase entrega, en acto público, dos galardóns.
Xurado
Formarán parte do xurado encargado de avaliar as candidaturas organismos e asociacións que teñen unha especial vinculación co mundo da arquitectura e da rehabilitación. Como presidente actuará o titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e como secretario o titular da Secretaría Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Ademais, serán parte do xurado a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS; a persoa titular da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS; a quen designe a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; a persoa titular da Presidencia da Real Academia Gallega de Bellas Artes e a titular da Dirección da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.
Ademais da persoa titular da Dirección da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña, o decano-presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; a persoa que designe o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; a que designe a Federación Gallega de la Construcción e a que designe a Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia.
Por último, Ethel Vázquez remarcou que “estes premios de arquitectura e rehabilitación que poñemos en marcha tratan de proxectar a profesionalidade dos arquitectos galegos, recoñecer o traballo que se ven facendo na renovación, conservación e posta en valor dese patrimonio arquitectónico que xa forma parte da identidade cultural de Galicia e, tamén, de achegar valor engadido á edificación, fomentando a responsabilidade ambiental e apostando por unha construción cada vez máis sustentable e respectuosa co medio e co patrimonio natural da comunidade”.