O atleta africano chegou á meta cun tempo de 01:01:12, seguido por Carlos Mayo e Jesús Ramos
A venezolana Edymar Brea foi a vencedora na categoría feminina, coas galegas Ester Navarrete e Sandra González ocupando o segundo e terceiro caixón do podio, respectivamente
Impresionante xornada deportiva a que se viviu esta mañá na cidade da Coruña, que na volta do medio maratón C21 ás rúas da cidade asistiu a un novo récord histórico da proba: os 01:01.12 do keniano Meshack Kipkurgat, gañador desta XVIII edición e que superou por 28 segundos a anterior plusmarca existente.
O desenvolvemento do medio maratón, que arrincou ás 9.30 horas desde a avenida de Montoto, foi acompañado de boas condicións meteorolóxicas e dun ambiente festivo desde o principio ata o final, na praza de María Pita, que por primeira vez na historia da C21 puxo a liña de meta á carreira.
A ela chegou Kipkurgat seguido de preto polos atletas españoles Carlos Mayo e Jesús Ramos, que deixaron o crono nos 01:02:43 e 01:03:11, respectivamente. Tras eles, o keniano Samson Kipyegon e o cambadés Amadeo Abal.
Na categoría feminina, a vitoria foi para a venezolana Edymar Brea, que chegou á meta en 01:13:55, coas galegas Ester Navarrete (01:14:18) e Sandra González (01:17:38) en segunda e terceira posición. Especialmente destacado foi o caso de González, atleta da Escola Atlética Lucense que debutou por primeira vez nun medio maratón e, aos seus 18 anos, conseguiu bater o récord de España na categoría sub-20.
Tras as tres ocupantes do podio feminino, a keniana Rono Cheptoo e a ferrolá Lucía Sicre.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, recibiu ás e aos gañadores na liña de chegada, onde a rexedora lles fixo entrega da medalla finisher deste ano, inspirada precisamente na meta desta edición: a praza de María Pita. Rey e Vázquez deron os parabéns ás e aos vencedores desta edición, nun medio maratón que contou coa participación de máis de 2.600 deportistas.
“Déronse as mellores condicións para que A Coruña disfrutase ao máximo desta xornada de deporte ao aire libre. E iso foi posible tamén grazas aos servizos de organización, tanto do persoal municipal como das entidades, clubes colaboradores e persoal voluntario. Cómpre agradecer sempre o seu traballo e implicación porque todas e todos son fundamentais para asistir e axudar ás persoas participantes e ao conxunto da cidadanía en citas multitudinarias como esta”, indicou Rey.
Adrián Sancho e Antía Castro, gañadores da 5K
Ademais da C21, esta mañá tamén se celebrou unha proba complementaria ao medio maratón: os cinco quilómetros da 5K, que comezaron pouco despois da C21, ás 9.35 horas.
A carreira, tamén con punto de partida desde a avenida de Montoto e chegada a María Pita aproveitando parte do circuíto inicial da C21, encumbrou a Adrián Sancho e a Antía Castro como gañadores desta edición.
Sancho fixo entrada a meta cun tempo de 00:14:52, seguido polo checo Jan Skarban (00:15:04) e por Alejandro Bello (00:15:06). Na categoría feminina, a atleta ourensana Antía Castro alzouse coa vitoria (00:16:39), coa asturiana Paula Herrero (00:16:39) tras ela e a coruñesa Noa Mirantes en terceiro lugar (00:17:50).
Case 4.500 persoas correron hoxe na Coruña entre C21 e 5K
A XVIII edición da C21 e a carreira dos 5K deixaron este ano un balance de case 4.500 persoas participantes no seu conxunto, superando así a cifra do 2025. Especialmente significativo foi o incremento de participación no medio maratón, que pasou de case 2.000 persoas (2025) a máis de 2.600 este ano.
Neste sentido, a alcaldesa, Inés Rey, lembrou esta mañá que o calendario de carreiras na Coruña non se detén. Xa están abertas as inscricións no conxunto do circuíto Coruña Corre 2026, que comezará o vindeiro 14 de marzo coa proba da Torre de Hércules.
Toda a información sobre o circuíto, coas datas xa confirmadas entre marzo e novembro deste ano, na web de Coruña Corre.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.