— A previsión da Xunta é que no último trimestre deste ano poida estar xa adxudicada a proposta definitiva
— O concurso inclúe un proceso de diálogo coas mellores solucións para elaborar o documento descritivo final e, unha vez seleccionada a mellor proposta, unha nova licitación con elas para a súa execución
— Na actualidade non existe ningunha zona experimental de enerxías do mar a nivel nacional que dispoña dun sistema similar que permita unha evacuación posterior da enerxía xerada a terra
A Xunta lembra que, desde o pasado día 19 de febreiro e ata o vindeiro 16 de marzo, está aberto o prazo de presentación de ofertas para o deseño e construción do primeiro prototipo flotante que se vai instalar en España para monitorizar e evacuar a enerxía unidmotriz xerada na contorna de Punta Langosteira (A Coruña). A previsión é que no último trimestre deste ano poida estar xa adxudicada a proposta definitiva.
A licitación do proxecto Innomar por parte do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) segue un procedemento de diálogo competitivo, de xeito que, logo dunha fase previa de selección de candidatos, abrirase un proceso de diálogo coas mellores solucións para elaborar o documento descritivo final que servirá de base para a adxudicación.
O obxectivo é claro: desenvolver un multiconector flotante con sistemas de monitorización para a interconexión de prototipos de xeración eléctrica renovable a partir da enerxía undimotriz que poida chegar a permitir, tamén, a súa evacuación. Ademais, servirá para monitorizar en tempo real as condicións atmosféricas e mariñas como o vento, ondada, correntes e mareas, así como factores ambientais e de biodiversidade.
O prototipo estará emprazado na zona experimental de enerxías mariñas de Punta Langosteira, unha infraestrutura única para a validación de tecnoloxías en condicións reais e que está considerada como a segunda zona experimental do mundo con maior concentración de enerxía das ondas, por detrás da costa sur de Gales. Na actualidade non existe ningunha zona experimental de enerxías do mar a nivel nacional que dispoña dun sistema similar que permita unha evacuación posterior da enerxía xerada a terra nunha única liña para minimizar calquera posible impacto sobre o ambiente ou outras actividades do mar.
O orzamento para a súa posta en marcha ascende a 5,7 millóns de euros cofinanciados nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, no marco da Liña de Fomento da Innovación desde a Demanda (Liña FID) para a Compra Pública de Innovación.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.