Sunday 01 de March de 2026

A Xunta pon en valor en Bruxelas a estratexia Galicia Retorna como eixo da atracción do talento e do impulso ao emprendemento


O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo hoxe un encontro coa directora da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, coa que tratou as medidas impulsadas polo Goberno galego no eido da atracción de talento, nomeadamente a través da Estratexia Galicia Retorna, destinada a fomentar o regreso dos galegos do exterior en liña coas necesidades do mercado laboral.

Tamén abordaron os avances autonómicos no eido do emprendemento despois de que Galicia fose recoñecida como Rexión Emprendedora Europea 2025. Así, trataron a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en período de consultas con todo o sector, e orientada a fixar actividade económica no rural e a favorecer o equilibrio territorial e a remuda, tamén co foco no talento retornado emprendedor. Nesa mesma liña trataron o Manifesto de vontades para a creación dunha rede galega de fomento de emprendemento baseada na colaboración público-privada impulsado no I Congreso Ultreia Galicia, asinado pola Xunta e polas entidades representantes do ecosistema e que segue sumando novas adhesións. Todo no marco do compromiso inequívoco do Goberno galego co emprendemento, a través doutras ferramentas como a Rede de polos ou as diferentes axudas para impulsar e consolidar iniciativas empresariais ou o traballo por conta propia.

Deja un comentario