Saturday 16 de November de 2024

A Xunta amosa o recoñecemento ás mulleres rurais galegas coma piar fundamental da economía galega


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou hoxe na inauguración do XIII Foro da Igualdade, organizado por Femuro

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, amosou o recoñecemento ás mulleres rurais galegas coma piar fundamental para a economía da nosa comunidade.

Susana López Abella participou hoxe na inauguración do XIII Foro da Igualdade, organizado pola Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense, onde agradeceu o labor das mulleres rurais galegas, que traballan con ilusión, tenacidade, ideas, capacidade, identidade e paixón polo que segundo palabras da titular de Igualdade, Galicia non se entende sen o rural, nin as súas mulleres.

As mulleres no medio rural xogan un papel fundamental, pois levan a cabo funcións produtivas, sociais, culturais e medioambientais. López Abella incidiu en que son un dos alicerces esenciais no desenvolvemento sustentable do medio rural e de contribución a súa valorización.

Acadar o recoñecemento social, económico e institucional que merecen as mulleres do rural é unha prioridade na nosa Comunidade Autónoma. Reducindo a fenda de xénero existente no emprego e no emprendemento, promovendo a conciliación e a promoción da incorporación de mulleres nos órganos e postos de decisión e participación rurais. Só así será posible mellorar a calidade de vida das mulleres rurais e potenciar un desenvolvemento sostible e equitativo do noso rural.

López Abella lembrou que no marco do Consello Galego das Mulleres e dentro da Comisión de Muller Rural, presentouse hai uns días o informe elaborado dentro desta comisión no que se priorizan áreas de traballo co obxecto de acadar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes do rural galego, coma son a visibilidade da muller rural, a promoción do emprendemento, a conciliación da vida familiar e laboral, ademais do fomento do uso das TIC.

Neste eido as asociación rurais e as accións que levan a cabo son clave para dinamizar a participación das mulleres na toma de decisións do eido rural, así como un pulo a dinamización económica, social e cultural do mesmo, xa que segundo rematou a secretaria xeral da Igualdade, as asociacións de mulleres rurais son un espazo de relación e de sociabilidade, fundamental para a nosa comunidade, dadas as súas características de dispersión e desequilibrio poboacional, e desempeñan unha función social e económica que non está compensada con un recoñecemento en canto a dereitos, visibilización ou valoración das súas achegas, polo que a promoción do emprendemento como ferramenta de creación de valor, de oportunidades e de autonomía económica e persoal é de vital importancia.

Programa Emega
A titular de Igualdade, anuncioulles que se está a tramitar o programa Emega, que comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, á consolidación e a reactivación de iniciativas empresariais lideradas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como para facilitar o acceso a servizos específicos de acompañamento, asesoramento e titorización co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos seus proxectos empresariais, e que este ano conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros.

Na convocatoria deste ano esta orde de axudas e subvencións fará especial fincapé no terreo da innovación, das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e no medio rural; co fin de promover unha maior participación na actividade laboral e unha maior cohesión social e territorial en Galicia e contribuír así a un crecemento intelixente, sustentable e integrador sen desigualdades entre mulleres e homes.