• O II Congreso Local, celebrado hoxe baixo o lema “Contigo, Culleredo decide”, reforza un equipo unido, impulsa un proxecto “preparado para gobernar” e fixa o rumbo cara a 2027
• Izaskun García: “Hoxe empeza un novo tempo político en Culleredo: o cambio útil, con seriedade e estabilidade. Hai alternativa e hai futuro. Culleredo merece un Concello que de verdade funcione”
O Partido Popular de Culleredo abre unha nova etapa política. Izaskun García resultou elixida hoxe nova presidenta do PP local co 98% dos votos dos afiliados tras concorrer á fronte da única candidatura ao II Congreso Local, celebrado no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo baixo o lema “Contigo, Culleredo decide”. Con esta cita, os populares saen reforzados cun equipo comprometido e cohesionado e co obxectivo claro de impulsar un proxecto centrado na xestión útil e nos veciños, listo para liderar o cambio que unha maioría social reclama en Culleredo para as eleccións municipais de 2027.
Más de 250 persoas, entre militantes, simpatizantes e dirixentes do PP, asistiron ao encontro, que contou coa presenza do secretario xeral do PP, Miguel Tellado; o secretario de organización do PP da provincia da Coruña, Evaristo Ben; e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Tamén asistiron, entre outros, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, alcaldes da área metropolitana como Carlos Calvelo (Arteixo), Diana Piñeiro (Cambre), #José Luis Fernández Mouriño (Carral) e José Antonio Santiso (Abegondo), o exalcalde da Coruña Carlos Negreira, así como portavoces e concelleiros populares de diferentes concellos da comarca coruñesa.
Un punto de partida
Durante a súa intervención, Izaskun García agradeceu o respaldo recibido e subliñou que o congreso “non é un punto de chegada, senón un punto de partida”, cun obxectivo claro: reforzar un PP local “aberto, serio e próximo”, que escoite antes de decidir, dea a cara e siga traballando con método, planificación e unidade para ofrecer a Culleredo unha alternativa sólida de goberno. A nova presidenta defendeu que Culleredo “non está condenado ao bloqueo” e que o que está esgotado é o actual modelo de goberno local, ancorado na improvisación e as escusas, polo que chamou a construír “un novo tempo político” baseado na normalidade institucional, a rendición de contas e o interese xeral.
No seu discurso de clausura, Miguel Tellado chamou aos afiliados e simpatizantes a “cambiar o curso da historia” en Culleredo e a tomar este congreso como punto de partida dun novo ciclo. Reivindicou que Izaskun García “non é unha recentemente chegada”, senón unha política con traxectoria, que coñece a realidade do concello e que está aquí “por convicción persoal”, con vocación de servizo e un proxecto construído con paso firme desde 2019, sumando cada vez a máis xente.
Tellado: “Elixistes á próxima alcaldesa”
Tellado foi aínda máis rotundo ao dirixirse á militancia: “Hoxe non só elixistes á nova presidenta do PP de Culleredo. Estou seguro de que elixistes á próxima alcaldesa de Culleredo”. O secretario xeral do PP marcou un horizonte claro –“en 15 meses imos conseguir ese obxectivo, o último domingo de maio de 2027”–, e afirmou que “vai sendo hora” de que Culleredo teña unha alcaldesa do PP, tras “43 anos de socialismo”. “Xa foron suficientes para aprender a lección”, engadiu. Tellado subliñou tamén que Izaskun chega “preparada e ilusionada”, con “un gran equipo detrás”, e pediu culminar o traballo para lograr a vitoria final: “Vin un equipo unido e tamén vin un goberno municipal alternativo con ganas de cambiar as cousas, poñendo unhas siglas por encima de calquera: as siglas de Culleredo”.
Pola súa banda, Evaristo Ben tamén destacou a traxectoria de Izaskun García desde 2019 e puxo en valor “anos de traballo constante”, de presenza en parroquias e barrios e de construción dunha alternativa “real, seria e preparada”, nun contexto no que –subliñou– “a política municipal debe centrarse nas persoas e en mellorar a vida cotiá dos veciños”.
García, que deu a coñecer tamén os nomes dos membros do equipo que a acompaña na súa nova etapa como presidenta do PP de Culleredo, asegurou que “hai alternativa e hai futuro” e apelou a seguir reforzando a organización do partido e o contacto constante coa rúa para converter o proxecto do PP de Culleredo nunha “esperanza real” para os veciños de ter un Concello “que de verdade funcione como ferramenta ao servizo da xente”. O obxectivo, sinalou, é “devolver o rumbo, a estabilidade e a ilusión que Culleredo e os veciños necesitan”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.