Sunday 01 de March de 2026

O BNG respalda ás traballadoras da conserva e esixe melloras nas condicións laborais


Compañeiras e compañeiros do Bloque Nacionalista Galego amosoaron o seu apoio á manifestación convocada pola Central Intersindical Galega celebrada en Ribeira para reclamar un convenio colectivo digno para as traballadoras e traballadores do sector da conserva, unha actividade estratéxica para o emprego e a economía da bisbarra da Barbanza.

A deputada Rosana Pérez Fernández cualificou de “ilóxico” que a negociación do convenio se leve a cabo en Madrid cando máis do 75% da produción conserveira do Estado se realiza en Galiza, e defendeu que as condicións laborais deben mellorar de maneira significativa. A parlamentaria puxo especial énfase na situación dun sector altamente feminizado, no que —segundo sinalou— seguen existindo desigualdades que provocan que moitas mulleres padezan condicións máis precarias ca os seus compañeiros varóns.

Pola súa banda, o portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral, subliñou que o persoal da conserva está a reivindicar dereitos xustos. Destacou ademais que “ao igual que o resto da Barbanza, Ribeira vive directamente do sector do mar e da industria”, polo que garantir mellores condicións laborais repercutiría positivamente no conxunto da economía local ao incrementar o poder adquisitivo da poboación e dinamizar ámbitos como o comercio e a hostalaría.

Segundo datos de Anfaco-Cecopesca, a industria conserveira e as empresas de salgadura, conxelados, refrixerados e elaborados de produtos do mar facturan arredor de 12.100 millóns de euros e sustentan 26.300 empregos, dos cales 11.000 corresponden a Galiza. Para o BNG, estas cifras evidencian a importancia estratéxica do sector e reforzan a necesidade de garantir condicións laborais dignas para quen o sostén día a día.

O Bloque reiterou o seu compromiso coas reivindicacións do persoal traballador e insistiu en que Galiza debe ter voz propia nas negociacións que afectan a un sector clave do seu tecido produtivo.

Deja un comentario