A conselleira do Mar analizou cos representantes do pósito os últimos investimentos realizados
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse este sábado coa confraría Santa María do Mar de Cedeira para avaliar os últimos investimentos realizados neste pósito, e que permitiron aumentar a eficacia no desenvolvemento da actividade que presta.
Concretamente, no 2025, a Xunta achegou a esta entidade pesqueira máis de 521.000 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Un esforzo inversor que contribuíu, entre outras actuacións, a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal, a mellora de equipos, a modernización e acondicionamento da nave de caixas, así como a rexeneración e recuperación dos bancos marisqueiros e a capacitación dos profesionais, grazas ás accións formativas impartidas.
No transcurso do encontro, no que participaron a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, a conselleira tamén se interesou polas necesidades desta agrupación, co fin de establecer futuras vías de colaboración que afonden no impulso da xestión pesqueira desta vila mariñeira.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.