• A liña de axudas permitirá apoiar a programación cultural desenvolvida polas asociacións do municipio ao longo de 2025
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ribeira aprobou a concesión das subvencións correspondentes á liña de Actividade Cultural 2025 dirixida a entidades sen ánimo de lucro do municipio.
O importe total das axudas concedidas ascende a preto de 15.000 euros, que se distribuirán entre distintas asociacións culturais co obxectivo de apoiar a organización de actividades ao longo do ano, incluíndo programación musical, eventos tradicionais, iniciativas audiovisuais, dinamización veciñal e propostas de carácter formativo e divulgativo.
Estas subvencións teñen como finalidade reforzar o tecido asociativo cultural de Ribeira, contribuíndo á dinamización social das parroquias e do conxunto do municipio, así como á conservación das tradicións, á promoción da cultura galega e á creación de novos espazos de participación cidadá.
Dende o Concello, a alcaldesa, María Sampedro, destaca o papel fundamental que desempeñan as asociacións culturais na vida asociativa, sendo un motor esencial de actividade, cohesión social e identidade local.
O goberno municipal reafirma así o seu compromiso co impulso da cultura de base e co apoio ás entidades que traballan durante todo o ano para ofrecer programación diversa e de calidade á veciñanza.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.