Friday 27 de February de 2026

O Concello reactiva o concurso do transporte urbano tras o rexeitamento dos recursos do TACGAL


A Xunta de Goberno local aprobará o luns a ampliación do prazo de presentación de ofertas en 8 días, ata o 18 de marzo, co obxectivo de que o expediente conclúa con éxito para ter canto antes un mellor servizo público de transporte.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, compareceu este venres en rolda de prensa xunto co concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, para dar conta da reactivación concurso para a prestación do servizo de transporte urbano tras a resolución por parte do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL) dos cinco recursos presentados por empresas. Ademais de reanudar o prazo de presentación de ofertas, ampliarase noutros 8 días para favorecer a concorrencia.

Goretti Sanmartín cualificou de “boa noticia” que  o TACGAL resolvera os cinco recursos do transporte, dándolle a razón ao Concello en todos e cada un deses casos.

“Estas cinco resolucións confirman a solidez do expediente e permite retomar o procedemento”, sinalou a alcaldesa, quen valorou que a resolución posibilita “traballar con seguranza” e demostra que o traballo feito polo Concello foi “na liña adecuada”.

A rexedora lembrou que o goberno local optou, na Xunta de Goberno do pasado día 2, por suspender o prazo de presentación de ofertas seguindo un criterio prudente e garantista. Avanzou que a Xunta de Goberno do próximo luns abordará a proposta de levantamento da suspensión para reabrir e ampliar o prazo co fin de promover a máxima concorrencia posible a un contrato “dos máis importantes que ten este Concello”, subliñou.

O prazo quedou suspendido 8 días antes de rematar. “Recuperaranse, por tanto, eses días e pensamos amplialo outros 8 días, co que rematará o 18 de marzo”, avanzou Sanmartín. “Agardamos, pois, que se presenten moitas ofertas, que sexan solventes e que a mesa de contratación, logo de avalialas convenientemente, formule canto antes a mellor proposta para a adxudicación, engadiu, e incidiu en que o rigor e a transparencia guían a actuación do Concello, para garantir que “o expediente conclúa con éxito e poidamos ter canto antes un servizo que melloramos moito a respecto da proposta que estaba antes iniciados”. 

Agradecemento ao persoal técnico

O concelleiro de Mobilidade explicou que a ampliación do prazo para a presentación de ofertas “responde á vontade de que a esta licitación tan complexa poidan presentarse o maior número de empresas posibles, e coas mellores ofertas”. Xan Duro recoñeceu a satisfacción do Goberno polas resolucións do TACGAL, “que cremos que confirman que estes son uns pregos ben armados, nos que tivemos en conta o acontecido noutros procedementos similares, diferentes resolucións do Tribunal de Contratación e da ONE e mesmo sentenzas xudiciais”. Nese sentido, o edil agradeceu o traballo do persoal técnico municipal, tanto da concellaría de Mobilidade e de Tussa como dos departamentos de Asesoría Xurídica, Intervención ou Contratación.

Xan Duro informou de que dos cinco recursos presentados, tres foron inadmitidos e os outros dous desestimados. Tal e como explicou, o TACGAL non tivo en conta ningunha das cuestións apuntadas polas recorrentes, nin total nin parcialmente, e nese sentido lembrou que na anterior licitación do transporte en Santiago, dos cinco recursos presentados diante do Tribunal de Contratación, tres foran estimados parcialmente.

En canto aos contidos dos recursos, o concelleiro de Mobilidade apuntou que se referían a cuestións moi diversas, como os criterios de valoración de ofertas ou os estudos económicos. Tamén se cuestionaban esixencias incorporadas aos pregos como a obrigatoriedade de que as empresas licitadoras acrediten ter prestado servizos similares en ámbitos territoriais de máis de 75.000 habitantes nos tres anos anteriores á licitación; que faciliten 67 autobuses provisionais para prestar o servizo ata a dispoñibilidade da frota definitiva, ou o requisito de ofertar vehículos de gas natural.

Xestión do ciclo integral da auga

Por outra parte, a alcaldesa referiuse a “un servizo que ten motísima transcendencia para Santiago de Compostela xunto co do transporte: o da auga”.

Tras a votación do Pleno, que rexeitou a proposta da comisión especial encargada de analizar a forma máis eficiente e sostible para a xestión do ciclo integral da auga, a alcaldesa dixo que se vai facer unha reflexión “un tempo para pensar o seguinte paso”. “Nós non desistimos, nesta e noutras cuestións, de tomar iniciativas sempre co mesmo obxectivo de que este Concello funcione, que sexa un bo lugar para vivir e que se vaian desbloqueando asuntos que levan tempo bloqueados”, afirmou.

Deja un comentario